Carral continúa en agosto cos cursos de natación
Co fin de cubrir a demanda que dende o Concello de Carral se está a detectar, a concellaría de deportes vai ofertar para o próximo mes de agosto cursos de natación para nenos/ás de entre 3 e 15 anos. As datas previstas son do 1 ao 31 de agosto, no que os nenos poderán aprender ou perfeccionar as súas habilidades sobre a auga.
Os cursos organizaranse en grupos segundo as idades, e dentro de cada grupo estableceranse os niveis de iniciación e de perfeccionamento. Impartiranse todos os días de luns a venres en horario de mañá (de 12.00 a 13.00 o grupo dos maiores, e de 13.00 a 14.00 o grupo dos pequenos), por monitores especialistas na modalidade. O prezo do curso será de 28 €/alumno todo o mes.
Moitos dos rapaces xa inscritos acudiron aos cursos de natación que se impartiron durante o mes de xullo nas piscinas municipais. Por esta razón é de esperar que a maioría dos alumnos acudan a “perfeccionar” o seu estilo.
Para todos aqueles interesados poderán informarse ou inscribirse ata o 26 de xullo no Centro Deportivo de Carral ou no teléfono 981.67.25.80.











