Carmen Rodríguez Dacosta é nomeada directora xeral de Recursos Humanos e Servizos Xerais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá nomear a Carmen Rodríguez Dacosta, directora xeral de Recursos Humanos e Servizos Xerais.

O Concello, por acordo da Xunta de Goberno Local de 20 de xuño aprobou convocar a provisión deste posto. A convocatoria publicouse no Boletín Oficial da Provincia o día 25 de xuño, e o prazo de presentación de instancia rematou o 2 de xullo, presentándose dúas solicitudes.

Ambos aspirantes acreditaron competencia profesional e experiencia no desempeño de responsabilidades no sector público.

Tendo en conta a experiencia en materia de xestión de recursos humanos acreditada e o coñecemento da organización municipal, a Xunta Local acordou nomear a Carmen Rodríguez Dacosta Directora Xeral de Recursos Humanos e Servizos Xerais.

Desestimado o recurso do PP

A Xunta de Goberno, de acordo co informe realizado polo servizo de Recursos Humanos, acordou desestimar o recurso de reposición interposto polo grupo municipal do PP contra o acordo da Xunta Local polo que se convocou a provisión deste posto.

Á vista deste recurso, o informe do Servizo de Recursos Humanos conclúe que “os requisitos esixidos nas bases da convocatoria son os establecidos na lexislación aplicable” e que “ainda no caso de que existira algún defecto de forma na configuración destes requisitos no sentido alegado polo recurrente, estes non suporían un vicio de nulidade nen implicarían a anulación do acto”. Motivos estes polos que se desestima o recurso de reposición

Autorización para a instalación de colectores de aceite

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno outorgou a autorización necesaria para a instalación de 105 colectores de aceite na cidade. O Concello autoriza á empresa Procesadora Gallega de Alimentos a ocupación de espazos públicos para a recollida de aceites vexetais. A empresa foi a única que concurriu á convocatoria pública realizada polo Concello para recabar ofertas para a prestación deste servizo.

O obxectivo do Concello de Ourense é aminorar o impacto medioambiental deste residuo, á vez que se crea un sistema de xestión integral de reciclado, tendo en conta a instalación actual dos colectores.

O sistema disporá dun peche de seguridade para evitar a manipulación do interior, así coma un deseño que impida o seu traslado e mobilidade, ou a introducción doutros residuos non permitidos. Segundo datos da Concellería de Limpeza, cada ourensán produce 7 kg de aceites domésticos ao ano, o que supón a contaminación de 7.000 litros de auga.

4 de xullo de 2013 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.