Carlos Negreira e os representantes das peñas do Deportivo esixen que se garanta a viabilidade do club

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesLocal
A-
A+
Reunión da federación de peñas e Negreira

Reunión da federación de peñas e Negreira

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, mantivo hoxe unha reunión cos representantes das peñas federadas do Deportivo, encabezados polo seu presidente, Miguel Otero, tras a petición realizada polos afeccionados branquiazuis en cumprimento do acordo da asemblea que celebraron o pasado fin de semana.

O alcalde e os peñistas comparten a súa gran preocupación pola situación actual dun club histórico que é patrimonio de todos os coruñeses e consideran que ante a grave conxuntura na que se encontra o Deportivo nestes momentos é necesario esixir que as partes implicadas no concurso elaboren esta mesma semana un documento que sirva en primeiro lugar para encontrar unha solución antes do 31 de xullo e así evitar o descenso administrativo, e tamén como base para deseñar un plan de viabilidade que garanta o futuro a longo prazo.

Os representantes das peñas federadas trasladaron na reunión o seu desexo de reunirse cos administradores concursais para coñecer de primeira man a situación actual, ante o que o alcalde se comprometeu a facilitar o devandito encontro debido á gran preocupación dos peñistas polo futuro deportivo da entidade.

Negreira e os afeccionados deportivistas, que agradeceron ao alcalde a rapidez coa que se convocou a reunión, confían en que se chegue a unha solución que garanta a viabilidade do club tanto antes do 31 de xullo como a longo prazo, xa que entenden que se está a tempo se todas as partes implicadas directamente chegan a un acordo.

24 de xullo de 2013 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.