Carballo acollerá o V Campionato de España de Autocross coa participación de Dani Sordo

Presentación do V Campionato de España de Autocross
O Circuíto de Motor de Bértoa acolle por quinto ano consecutivo unha proba do Campionato de España de Autocross, o V Autocross Carballo que se celebra o venres 12, sábado 13 e domingo 14 de xullo. Nesta edición hai que destacar a presenza do piloto oficial de Citröen no Mundial de rallys Dani Sordo, que participa en dúas categorías: monoprazas 4×4 (División III) e Car Cross. Serán un total de 73 os pilotos que participen nas cinco divisións da proba, sendo a de Car Cross a que máis participantes congrega con 38 pilotos. Respecto dos favoritos, a participación galega está encabezada polo vixente campión de España en División I, Perfecto Calviño. En División II o piloto de Pontevedra Celestino Iglesias, na segunda posición do campionato, loita pola vitoria co piloto biscaíño Arkaitz Urganda que ocupa a primeira posición do campionato. A División II-A conta coa participación dos dous primeiros no campionato Iván Posado e Julio Sotelo. Na División III o mundialista Dani Sordo ten como rivais aos cinco que ocupan as primeiras posicións do campionato, encabezados polo burgalés Juan Carlos Barredo. E por último, en Car Cross, a disciplina máis espectacular, o piloto local Maikel Vilariño -terceiro no campionato- loita pola vitoria e por restarlle puntos ao actual líder Juan José Moll, ademais de enfrontarse a Dani Sordo. Respecto dos horarios da cita, o venres 12 de xullo comeza coa constitución do comité de comisarios deportivos e as verificacións administrativas e técnicas. Nesta edición terán lugar no Pazo da Cultura a partir das 17.00 horas para evitar os problemas de tráfico que provocaba a presenza dos vehículos na Praza do Concello. As verificacións continúan o sábado 13 pola mañá, tamén na explanada a carón do Pazo da Cultura, ata as 13.00 horas, aproximadamente. A actividade no Circuíto de Bértoa principia ás 15.00 horas cos adestramentos oficiais e a primeira manga clasificatoria, mentres que o domingo 14 a partir das 9.00 horas ten lugar a segunda manga clasificatoria e as finais. Na presentación da proba estiveron presentes Maikel Vilariño, un dos favoritos na súa categoría ao tratarse dun circuíto que coñece moi ben, e Sandra García Cambón, a única muller en categoría Car Cross no campionato de España, e que participa coa Escudaría Coruña, organizadora da cita. Sandra García leva seis anos competindo en Car Cross e leva tres participando no campionato de España con moi bos resultados.
O director da carreira, Ernesto Rumbo, quixo agradecer o traballo realizado polo Concello dende a recuperación do Circuíto de Motor de Bértoa, nunha “aposta polo automobilismo”. Juan Fernández, de Escudaría Coruña, insistiu nestes agradecementos e resaltou que, sendo esta unha proba que se celebra en Carballo tan só dende hai 5 anos, xa é a terceira mellor considerada de todo o Campionato de España. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, manifestou o “orgullo” que supón contar por quinto ano consecutivo en Carballo “co mellor do autocross de todo o estado”, mentres que o Alcalde, Evencio Ferrero, insistiu na idea de que “o deporte tamén é economía”, polo que debe seguir impulsándose. Así, durante a proba, está previsto que os participantes reciban información turística do Concello para que vexan que hai máis facianas de Carballo, ademais da actividade no Circuíto de Bértoa e a proba. Xa no aspecto deportivo, Ferrero desexou que a cita sexa un éxito e que os pilotos locais teñan a oportunidade de gañar e pelexar con pilotos de tanto renome como Dani Sordo.











