Carballo acolle, con arredor de 150 corredores, o Campionato Galego de ciclismo de Fondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes PortadaLocal
A-
A+
Presentación da competición

Presentación da competición

O Club Ciclista Carballo-Placasa cumpre 25 anos de vida e o festexa organizando o Campionato Galego de Fondo, no que durante a xornada do domingo 4 de agosto arredor de 150 ciclistas de categorías femias, cadetes e júnior percorrerán as rúas e estradas do municipio carballés. O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón, que organiza a cita xunto co Club e o Concello, subliñou o alto nivel da cita, á que acoden algúns dos mellores ciclistas galegos. Pola súa banda, a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanessa Loureiro, quixo pedir desculpas, xa que a proba estaba prevista para o 20 de xullo, mais tivo que “aprazarse por motivos alleos ao club”.

Loureiro defendeu o ciclismo feminino, reclamando unha proba de fondo só para mulleres e subliñando que a do domingo é unha das poucas citas nas que participan. O director deportivo do Carballo-Placasa, Juan Seoane, resaltou “a dureza” dos percorridos, algo polo que o Club quixo apostar ao tratarse dun campionato galego. Para o seleccionador galego, José Ángel Vidal, “trátase dun percorrido bonito”, con “moitas pendentes” que contribuirán a facer “un campionato” duro e disputado.

A organización quere subliñar que este ano a saída e a chegada están na Avenida da Milagrosa, na contorna do Fórum Carballo (onde están a oficina e o parque pechado), e que a proba arrinca ás 10.00 horas. Falando do campionato máis polo miúdo, Seoane salientou que os circuítos están pensados para que as probas as gañe “un corredor de fondo e non un corredor de pista”. No caso das femias, o percorrido consiste en dúas voltas por unha ruta que pasa por Carballo, Coristanco, Rus e Carballo, con 32,4 quilómetros de lonxitude e a saída ás 10.00 horas. Os cadetes e júnior realizan outro percorrido con máis dificultade: os primeiros cunha primeira volta con saída ás 11.15 horas na que realizan o circuíto das femias, e cunha segunda na que pasan por Carballo, Coristanco, Cereo, Agualada, Coristanco, Rus e Carballo, cun total de 52,7 quilómetros de lonxitude; e os segundos co mesmo itinerario dos cadetes, pero realizando unha volta máis ata acadar os 89,2 quilómetros e con saída ás 13.15 horas.

O xerente da Federación Galega de Ciclismo, Ricardo Terceiro, aproveitou a cita para falar dos favoritos para a vitoria e da presenza dos corredores locais. En júnior hai que destacar a presenza de Cristian Blanco, do Club Ciclista Carballo; ou en femias de María Verdía, Soraya Marrozos e Leticia Baña, tamén do Club. En cadetes, Terceiro quixo subliñar o excepcional estado de forma dos corredores, que de seguro ofrecerán un bo espectáculo.

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, pechou a presentación desta cita gabando o excelente traballo do Club Ciclista Carballo durante os seus 25 anos de vida e facendo fincapé na defensa que realizan do deporte feminino. Agradeceu que a Federación elixise Carballo para a celebración do campionato e por último desexou que “se pode ser, gañe alguén da vila”.

31 de xullo de 2013 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.