Cambre reabre o Centro de Terceira Idade do Temple

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal
A-
A+

Con motivo da reapertura do Centro da Terceira Idade do Temple, o próximo luns 15 de xullo ás 7 da tarde a Concellaría de benestar social ofrecerá un encontro con todos os veciños. O local municipal, situado na rúa Constitución (edificio de correos), sufriu unha serie de melloras de acondicionamento demandadas dende hai tempo polos veciños e trátase de que os usuarios o poidan ver e ao mesmo tempo animarse a acudir ao local e participar de todas as actividades que se celebran alí.

En concreto, levouse a cabo dende esta concellaría o acondicionamento do local que se encontraba bastante deteriorado xa que se trata dun edificio que ten máis de 20 anos. Así, o mobiliario novo, a entrada, pintado de paredes deulle unha nova imaxe ao local que resultaba bastante necesaria. Aproveitando que está nas mesmas dependencias que a oficina de correos pintouse tamén toda a entrada do inmoble que dá á rúa Constitución.

Entre os obxectivos da nova concellaría de asuntos sociais, encóntrase a preocupación por cubrir as necesidades e satisfacer as inquietudes da terceira idade do municipio de Cambre e esta era unha desas demandas que agora se ve satisfeita.

A Concelleira de Igualdade, Benestar social, Sanidade e Educación, Mª Jesús González Roel, recorda que estas obras eran urxentes porque o local da terceira idade do Temple é un complexo onde todos os días da semana en horario de tarde a terceira idade do Temple acode ao local a ler o xornal, charlar cos veciños ou xogar ás cartas. Ademais tamén teñen lugar diversas actividades municipais e comparten local coa “Asociación de Mujeres Sinergia”.

10 de xullo de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.