Cambre alberga o I Campus de Tecnificación e o seu I Clínic de baloncesto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreDeportesDeportes PortadaLocal
A-
A+
Presentación do campus

Presentación do campus

O Club Baloncesto Cambre organiza o seu I Campus de Tecnificación e o seu I Clínic, ambos os dous impartidos por Antonio Pérez Cainzos, adestrador en diferentes Ligas LEB e en categorías inferiores da Selección Española de Baloncesto.

I Campus Tecnificación Baloncesto Cambre “Antonio Pérez Cainzos”

Os días 16, 17 e 18 de xullo, en sesións de mañá e tarde, o adestrador ferrolano planificará e dirixirá persoalmente seis adestramentos de mellora técnico/táctica, orientado a xogadores/ás nacidos/ás entre os anos 1992 e 2000. A cota para anotarse a este Campus oscila entre os 36 e os 45 euros/xogador. Igualmente, aqueles adestradores que o desexen poderán asistir aos devanditos adestramentos, á vez que interactuar con Antonio Pérez ao termo de cada sesión de traballo. A cota de asistencia para adestradores será de 10 euros.

I Clínic Baloncesto Cambre “Monográfico Antonio Pérez Cainzos”

Pola súa banda, os días 20 e 21 de xullo, o primeiro día en xornada completa, e o segundo en sesión de mañá, Antonio Pérez impartirá un Clínic monográfico, onde nos mostrará a súa metodoloxía de traballo, tanto orientada para formación como para rendemento, debido á súa ampla experiencia e éxito en ambos os dous terreos. Así mesmo, o técnico galego explicaranos a súa experiencia metodolóxica tras o seu paso por Estados Unidos, onde puido traballar tanto como adestrador invitado en Denver Nuggets (NBA), como nas Universidades de DU e Metro State.
O concelleiro de Deportes, Fernando Caride, asegura que esta é a primeira cita destas características que se leva a cabo en Cambre e apunta que non será a última. “Este tipo de accións formativas son moi importantes e o feito de que se leven a cabo en Cambre débenos servir de impulso para que levemos a cabo máis no futuro”, apunta Caride.

15 de xullo de 2013 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.