publicidade hoxe

Calvo entrega ao Concello de Touro un camión-recolector que dará servizo aos 3.500 veciños do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalProvinciasTouro
A-
A+
Diego Calvo na entrega do vehículo

Diego Calvo na entrega do vehículo

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, fixo entrega esta tarde dun camión recolector-compactador ao Concello de Touro.  

Este vehículo foi adquirido polo Concello grazas a un convenio asinado polo alcalde, Ignacio Codesido, e o titular da Deputación, a través do cal se formalizou a achega da institución provincial por valor de 135.602,04 euros, o que supón o 100% do custe total do camión.

Con este novo vehículo, o Concello de Touro realizará o servizo de recollida de lixo aos máis de 3.500 veciños da localidade.

Melloras na DP.0605

Tras a entrega, o presidente e o alcalde acudiron a visitar a estrada para a que se aprobou un investimento de máis de 160.000 euros no último pleno celebrado na Deputación da Coruña.

O fin desas obras será mellorar a seguridade viaria entre o punto quilométrico 3,195, de Santa Irene a Ponte de Xusto, e o punto quilométrico 4,065, sito na Toxa.

A institución provincial achegará un total de 162.666,50 euros para esta actuación, que inclúe a mellora das condicións de accesibilidade peonil mediante a construción dunha plataforma peonil de 1,50 metros de ancho no lugar de Toxa na parroquia de San Fiz de Quión.

Executarase tamén a senda na marxe dereita, mentres que onde se dispón de sobreancho dotarase de zona de aparcadoiro.

Tamén se procederá á canalización necesaria para unha futura instalación de iluminación pública, así como á drenaxe lonxitudinal cos seus correspondentes pozos e sumidoiros de rexistro.

Por último, executarase a sinalización do tramo, mediante o pintado de liña do borde da calzada, así como a rotulación na calzada de diferentes sinais sempre co obxectivo de garantir a seguridade tanto dos automobilistas como dos viandantes.

11 de xullo de 2013 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.