Búscanse familias de adopción para dúas camadas de cachorros abandonados en Nigrán e Ribadumia

Camada de cachorros
O Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra (CAAN) busca familias de adopción responsables para dez cachorros que nos últimos días foron abandonados en Ribadumia e Nigrán e que nestes momentos están a ser atendidos por persoal do centro.
A primeira das camadas foi recollida o pasado 22 de xullo cando membros de Protección Civil de Ribadumia (que colaboran co CAAN) levaron ata o centro de acollida seis cachorros que algún desaprehensivo abandonara nunha caixa xunto a un colector do lixo. Trátase de cachorros de raza mestiza dun mes de idade, tres machos e tres femias que, unha vez examinados polos veterinarios do centro que os están atendendo, comprobouse que os seis se atopan en bo estado de saúde.
Ó día seguinte persoal do CAAN procedeu a recoller a segunda das camadas, catro cachorros que apareceron en Nigrán após ser abandonados diante dun restaurante. Son catro cachorros machos, de raza mestiza, dun mes e medio de idade e que tamén se achan en bo estado de saúde.
Denuncias
Ante estes actos de desprezo cara ós animais, a Deputación de Pontevedra traballará na persecución e o seguimento das infraccións por abandono e maltrato animal e practicará as denuncias correspondentes, perseguindo así actos irresponsables e penados pola normativa actual.
O obxectivo da Administración provincial non só é atender debidamente e promover as adopcións dos animais abandonados, senón que, a través do Centro de Acollida, procura promover actitudes responsables e de respecto ós animais, concienciando á sociedade fronte ó abandono.
Desde o CAAN tamén se fai un chamamento á cidadanía para promover a adopción dos animais que son abandonados; adopcións que son totalmente gratuítas para as persoas adoptivas, que recibirán ós animais perfectamente identificados co correspondente microchip.
Os teléfonos de contacto son os seguintes: 608 975 326/ 981 953 558
Reducir o abandono
O CAAN está ideado para a recollida, mantemento e coidado dos animais abandonados, mais tamén aspira a achegar medidas que reduzan a incidencia do abandono, entre as que se atopan:
– Identificación animal: todos os animais que se entreguen en adopción desde o CAAN serán previamente identificados e incluídos no Rexistro de Animais Domésticos e Salvaxes de Galicia
– Campañas de sensibilización dirixidas a grupos escolares no propio CAAN e nos colexios
– Tamén, mediante un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, os alumnos do último curso de Veterinaria do Campus de Lugo poderán realizar estancias no centro, participando activamente nas tarefas de atención dos animais
– Persecución e seguimento das infraccións por abandono e maltrato animal: o CAAN practicará as denuncias correspondentes, perseguindo así actos irresponsables e penados pola normativa actual
– Formación: o CAAN está deseñando unhas xornadas dirixidas a técnicos municipais e axentes locais. Nunha segunda fase estarán dirixidas a outros axentes implicados como son os veterinarios clínicos e as asociacións protectoras











