Brión inicia o seu programa de arranxos nos centros educativos co cambio do tellado na unitaria de Bastavales

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal
A-
A+
Traballos de arranxo no tellado

Traballos de arranxo no tellado

A brigada de obras do Concello de Brión iniciou esta semana o seu programa de arranxos nos centros educativos do municipio, que realiza todos os veráns para tratar de solventar todas as necesidades que lle plantexan dende a comunidade educativa brionesa. Uns traballos que este ano comezaron antes do habitual debido á importancia das obras que se están a realizar na escola unitaria de Bastavales, que conta con tres aulas e máis de medio cento de rapaces.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “durante as próximas semanas faremos obras de reparación nas unitarias e no colexio de Pedrouzos utilizando os nosos propios medios e recursos humanos, tratando de dar resposta ás demandas que nos fan dende cada centro escolar”. Os traballos deron comezo esta semana na escola unitaria de Bastavales, onde se está a realizar unha rehabilitación de todo o seu tellado, retirando grandes cantidades de lixo que tiña acumulado e procedendo ao selado e colocación de novas tellas. Para a próxima semana queda o lavado e pintado do inmoble.

Unha vez rematadas as obras na escola unitaria de Bastavales, os obreiros municipais desprazaranse ata as unitarias dos Ánxeles e da Luaña, onde acometerán diversas obras de reparación e mellora do seu interior. Os traballos finalizarán no colexio de Pedrouzos e estarán rematadas para o principio do curso escolar.

12 de xullo de 2013 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.