Brión complementa as obras de mantemento do POS 2013 cun plan de bacheo por parroquias municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal
A-
A+

O Concello de Brión vén de iniciar un Plan de Bacheo polas distintas parroquias, financiado con fondos municipais e realizado a través da brigada de obras do Concello de Brión. Uns traballos que veñen complementar as obras de mantemento do POS 2013, que permitiron arranxos na estrada de Vioxo de Arriba (Luaña) e na pista que une Tembra e Pedreira (Boullón) durante este mes de xullo.

O alcalde de Brión explica que “tras unha primeira actuación na aldea de Mato, na parroquia da Luaña, agora comezamos un bacheo importante na pista que vai de Beca a Xinzo, na parroquia de Bastavales, e despois realizaremos bacheos puntuais nas distintas pistas municipais da parroquia de Bastavales”. Uns traballos de bacheo que posteriormente terán lugar nas distintas parroquias do municipio.

As brigadas municipais de Brión son as encargadas de desenvolver estes traballos, para o que empregan gravilla e emulsión asfáltica. Unhas obras que se están a desenvolver nestes momentos na pista que une a estrada AC-300 Os Ánxeles-Picaraña coa fronteira do municipio con Teo, á altura da Ponte Paradela sobre o río Tinto. Unha pista que pasa polas aldeas de Beca e Xinzo, onde se está a actuar especialmente nos bordes da plataforma, que se atopaban bastante deteriorados.

Complementarias ao POS

Este Plan de Bacheo Municipal do Concello de Brión vén complementar as obras de mantemento de estradas realizadas ao abeiro do POS 2013. O Concello de Brión investiu algo máis de 42.000 euros na mellora da estrada de Vioxo de Arriba (Luaña) e na pista que une Tembra e Pedreira (Boullón), realizadas durante as primeiras semanas do mes de xullo.

O alcalde de Brión explica que “grazas ao dispoñer dunha brigada municipal de obras, puidemos conseguir facer máis actuacións para beneficio dos nosos veciños e veciñas, xa que a subvención da Deputación gastámola unicamente na adquisición de materiais, xa que as obras se fixeron co noso persoal e os nosos medios”. Así, o Concello de Brión comprou emulsión asfáltica por valor de algo máis de 24.000 euros e gravilla por outros 18.000 euros para acometer os traballos incluídos no POS 2013, executado con medios propios do Concello de Brión.

31 de xullo de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.