Betanzos reordenará o tráfico nas rúas do Pasatempo logo da Medieval

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosLocal
A-
A+

O goberno local porá en marcha a nova ordenación de tráfico no Pasatempo despois da Feira Medieval. Así o anunciou hoxe o concelleiro de Seguridade, Diego Fernández, quen explicou que os cambios completarán os xa efectuados no ámbito do novo centro comercial.

Trátase dunha zona na que aumentou de forma substancial a intensidade de tráfico e na que “se fai necesario poñer en marcha unha reordenación cunha nova sinalización tanto vertical coma horizontal das rúas”.

O concelleiro indicou que o persoal técnico municipal elaborou unha proposta e que “se levará á práctica despois da Feira Medieval para comprobar a súa viabilidade”. A partir de aí “haberá que valorar o seu funcionamento, e facer os cambios que se estimen oportunos”.

A primeira fase dos traballos centrouse no ámbito da área comercial, con pasos de peóns e a colocación de distintos sinais. Agora realizarase no resto da urbanización con rúas que quedarán de dobre sentido e aparcadoiros nunha soa marxe, e viais nunha só sentido con estacionamentos en ambas as dúas marxes.

Xunto a esta actuación, a Concellería iniciou tamén o pintado de pasos de peóns en distintas zonas do municipio que “polo paso do tempo estaban deteriorados”, un programa que continuará nas próximas semanas aproveitando o bo tempo.

Control de velocidade

Paralelamente, o Concello ultima o prego de condicións para a contratación da instalación de radares fixos en zonas “sensibles” como os ámbitos dos centros educativos que se unirán ás distintas campañas que ao longo do ano realizará a Policía Local con radares móbiles tendo en conta o número de incidencias detectadas nos tramos de estrada próximos aos colexios.

12 de xullo de 2013 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.