Avisos de movilidade polas obras de canalización nos campus da Zapateira e Elviña
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa da finalización das obras de canalización de Unión Fenosa na estrada que une os campus da Zapateira e Elviña, iniciadas o 1 de xullo e que mantiñan cortado ao tráfico o devandito vial. A partir de mañá, venres 19 de xullo, ás 17.00 horas, recuperarase a ciruclación no vial de enlace entre os campus de Elviña e A Zapateira.
O departamento municipal que dirixe Begoña Freire tamén destaca que, con motivo dos traballos de mellora de pavimentación de beirarrúas na avenida de Arteixo, o próximo sábado, 20 de xullo, será necesaria a ocupación en dúas fases de dous carrís de circulación á altura dos números 1-2 esquina Juan Flórez en horario de 08.00 a 19.00 horas, quedando en todo momento libre un carril.
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público tamén informa deque, con motivo dos traballos de asfaltado da obra realizada de reparación de rede de sumidoiros na avenida de Arteixo número 84, é necesario o corte do carril central en dirección saída da cidade, á altura do paso de peóns no cruzamento coa rolda de Outeiro. Mañá, venres 19 de xullo, entre as 16.00 e as 17.30 horas, desviarase a circulación polo carril esquerdo.











