As tres praias de Vilagarcía de Arousa contan este verán con servizo de socorristas
As tres praias do municipio contarán este verán con socorristas. Aínda que obrigatoriamente só o areal de Bamio precisa contar con este servizo por obter a Bandeira Azul, o Concello mantén a prestación nos areais da Concha-Compostela e no do Preguntoiro, en Vilaxoán. O goberno local aposta por manter a calidade e número de servizos nas praias independentemente de que teñan ou non bandeira azul, tanto por seguridade dos bañistas, como por seguir potenciando un dos principais atractivos e recursos turísticos da cidade.
Para prestar o servizo de vixilancia e socorrismo nas praias, o Concello dispón dos 11 socorristas contratados a través do Plan de Cooperación da Xunta e que foron seleccionados onte despois da realización das correspondentes probas teóricas e prácticas. O xurado salientou o elevado nivel dos candidatos e do persoal seleccionado, entre os que incluso hai un Campión Galego de Socorrismo. Estes once vixilantes contarán co apoio do persoal do servizo municpal de Emerxencias e Protección Civil.
O areal que contará con maior dotación de persoal será o da Concha-Compostela, debido a que se trata do de maior extensión e ao que acoden a diario milleiros de persoas. O servizo contará nesta praia cunha dotación de entre 3 a 5 persoas dependendo do día da semana o das condicións meteorolóxicas. Os areais do Preguntoiro (Vilaxoán) e O Campanario (Bamio) contará normalmente con dous socorristas que tamén poderán elevarse ata 3 en función das necesidades.
Os once socorristas seleccionados firmaron a primeira hora os seus contratos e dedicaron a primeira xornada de traballo a realizar o curso obrigatorio de riscos laborais e a coñecer os postos nos que desempeñarán as súas funcións e os medios materiais do que dispoñen.











