As praias de Doniños e San Xurxo lucen dende este mediodía as súas bandeiras azuis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Izado da bandeira azul

Izado da bandeira azul

Nas praias de Doniños e San Xurxo ondean dende este mediodía as Bandeiras Azuis, que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). O litoral ferrolán repite o número e os areais distinguidos por esta entidade. Veciños de Doniños e San Xurxo acompañaron ao alcalde, Jose Manuel Rey Varela, no acto de izado das devanditas bandeiras.

Durante estes días, os servizos municipais realizaron tarefas de mellora e mantemento das praias. Estes consistiron no arranxo e reposición de  aseos e duchas, sinais indicativos e carteis, vallas e pasarelas e outros elementos de madeira. Con respecto aos elementos de sinalización e valados, foron instaladas 22 vallas de catro metros para reserva de ambulancias, 20 sinais de reservado a ambulancias, 13 paneis indicativos de servizos dispoñibles, 10 paneis de “Fin de zona vixiada”, 10 sinais de “Prohibido o paso excepto autorizados”, 3 vallas de “Espazo reservado para minusválidos”, unha sinal de “Prohibido aparcar/estacionar” en 10 metros e outra en 100 metros. O investimento nestes traballos de mantemento e mellora dos servizos nas praias ascendeu ao redor de 22.000 euros.

Ademais, dende principios de xuño o Concello de Ferrol ten operativa unha brigada de Urbaser que se ocupa da limpeza de praias. En total son cinco operarios os que se encargan destas tarefas, que se levan a cabo coa axuda dun tractor. O horario de limpeza de praias é de luns a sábado, entre as 07.30 e as 13.30 horas. Este horario se amplía aos domingos e festivos no caso das praias con bandeira azul: Doniños e San Xurxo. Ademais da limpeza dos areais, esta cuadrilla se ocupa da recollida e limpeza de papeleiras e colectores do lixo. Estará funcionando até a primeira quincena de setembro.

Socorrismo

No que atinxe a vixilancia e o socorrismo, o Concello de Ferrol instou á empresa que ten encomendado este servizo –Tragsatec- a solucionar na maior brevidade as diferenzas sobre os contratos xurdidas entre esta e os socorristas que se ocuparán da seguridade dos bañistas e usuarios das praias ferrolás durante os meses de xullo e agosto. O Concello de Ferrol destina 208.000 euros ao servizo de vixilancia nas praias de Ponzos, Santa Comba, A Graña, Caranza, Penencia, Esmelle, San Xurxo, Doniños e Covas. Tragsatec seleccionou a un grupo dunhas 50 persoas, que superaron as probas previas para levar a cabo esta función.

1 de xullo de 2013 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.