As Pandereteiras A Buxaina de Coruxo foron as gañadoras do Certame de Música Tradicional InteRitmos

Entrega do premio
O pasado sábado 29 celebrouse no Multiusos das Pozas de Mos o Certame de Música Tradicional InteRitmos, organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural MAIV-Baixo Miño e coa colaboración do Concello de Mos e da Deputación de Pontevedra.
Os dez grupos participantes reuniron a máis de 180 músicos e cantantes que interpretaron temas baseados na tradición musical popular galega nas súas máis diversas facetas: bandas de gaitas, grupos folk, corais, treboeiros, cantareiras, etc.
Os dous primeiros clasificados, Pandereteiras A Buxaina e Treboeiros da Muimenta participarán na gravación dun CD repertorio cos gañadores dos outros certames InteRitmos que se están a celebrar noutros territorios da xeografía española.
Tamén obtiveron accésit como seguintes clasificados o Grupo Gandariño de O Porriño, a Banda de Gaitas Atlántida de Matamá e os Treboeiros Airiños Novos de Pinzás, que serán obsequiados pola Deputación de Pontevedra coa edición, maquetación e impresión dun folleto promocional das súas actividades.
O Certame, que se enmarca dentro do proxecto de cooperación interterritorial InteRitmos, financiado polo ministerio de Agricultura, foi un éxito tamén de público quen, a pesares do caloroso día, encheu o Multiusos das Pozas.











