As obras de mellora do trazado da estrada provincial Baión-András, entre O Sixto e Serantes xa deron comezo
Rafael Louzán visitou esta mañá as obras de mellora do trazado da estrada Baión-András, no treito comprendido entre o cruce do Sixto e a curva de Serantes, que non puideran rematarse ata o de agora por un problema coas expropiacións.
Durante a visita estivo acompañado polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, por técnicos da Deputación e por representantes da empresa COVSA, adxudicataria dos obras, cos que analizou o estado actual da estrada e as melloras que se van realizar. Así, actuarase sobre un treito de case 2 quilómetros e procederase ó ancheamento da calzada ata os 12,60 metros, ademais de proceder á corrección de varias curvas, modificando o trazado.
Os traballos suporán un investimento de 149.323 euros e contribuirán á mellora da seguridade viaria nesta estrada provincial, na que está previsto executar proximamente unha mellora máis ampla que incluirá a construción dalgunhas variantes.
Trátase de corrixir un dos puntos máis conflitivos da estrada, a mellora da cal continuará proximamente, coa perspectiva, segundo asegurou Rafael Louzán, de que no vindeiro ano “a estrada estea rematada na súa totalidade”.
Louzán anunciou que o proxecto para esta mellora estará rematado nos próximos días e elevará o orzamento total da reforma a máis dun millón de euros.
Estes traballos súmanse ós realizados nun treito de 2 quilómetros de longo desta estrada no lugar de Carballo e noutros treitos no lugar de Serantes.
A EP Baión-András ten 9,3 quilómetros de longo e unha alta densidade de tráfico, xa que une a vía de Pontevedra a Vilagarcía de Arousa coas de Solobeira e András e serve de acceso a Vilanova de Arousa, evitando o paso por Vilagarcía de Arousa.











