As mellores versións dos Dire Straits chegarán a Neda da man de Brothers in Band

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalNeda
A-
A+

O son Dire Straits inundará o Paseo Marítimo de Neda o próximo mes de agosto. Alí actuará, o día 30, a partir da media noite, “Brothers in Band”. Será no marco da programación de actos deseñado polo Concello para conmemorar os 25 anos da Festa do Pan de Neda. Un concerto que se espera multitudinario con entrada libre e gratuíta.

Nin o propio Guy Fletcher, teclista de Dire Straits dende 1984, puido distinguir a Brothers in Band dunha gravación da propia banda de Mark Knopfler en abril de 2008. Por iso, e polos seus máis de 60 concertos por toda España, a formación pode presumir de ser o auténtico son Dire Straits, pasando por salas tan míticas como “Kafe Antzokia” de Bilbao ou a “Sala Heineken” de Madrid, ata prazas de concellos e teatros.

O seu repertorio de máis de dúas horas e media de duración presentado nun formato único (dous guitarristas, baixo, batería, percusión, saxo, dous teclistas e un pedal steel guitar), reencarna unha das mellores xiras de toda a historia do rock: a xira de 1992 “On The Night” coa que Dire Straits se despediron para sempre.

Este singular “viaxe no tempo” quedou filmado no seu DVD “Brothers in Band-On The Night 2011” gravado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Miles de fans knopflerianos de todas as idades, ávidos de concertos e vellos recordos, volven gozar de temas como Sultans Of Swing, Money for Nothing, Brothers in Arms ou Walk of life…. grazas a esta máquina do tempo.

3 de xullo de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.