As festas de María Pita 2013 contarán con máis de 100 concertos e 250 horas de programación infantil

Presentación das festas de María Pita
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a programación para as Festas María Pita 2013 que se prolongarán durante máis dun mes con actividades deseñadas por e para todos os públicos. “Contamos cunhas festas únicas e inéditas no país. Seguimos apostando pola gratuidade e pola calidade dos espectáculos. Temos claro que esta é a forma na que hai que facer as cousas porque estas festas, ademais de cultura e ocio, son sinónimas de riqueza na cidade e, polo tanto, de crecemento económico para a hostalaría, os hoteis e o pequeno comercio coruñés”, destacou Ana Fernández.
A concelleira sinalou que este ano “máis que nunca”, a programación musical terá un peso moi destacado nas Festas María Pita. “De feito, o encargado de dar o pistoletazo de saída ás festas é o noso músico máis internacional. Coruñés do 77, acaba de recibir o Premio da Música Independente ao mellor artista nacional do pasado ano e ao mellor álbum de autor por Atlántico, océano que une e separa os dous lugares nos que desenvolve a súa carreira. É obvio de quen falamos: de Xoel López”, anunciou Ana e engadiu: “Xoel é un dos mellores embaixadores que ten esta cidade e é un profesional excepcional; é, sen dúbida, o mellor pregoeiro que poden ter estas festas”.
Neste sentido, Ana Fernández explicou que a cidade contará todos os días con algún espectáculo musical: “Teremos máis de 100 concertos, espectáculos ou actuacións musicais de mediano formato. Teremos estilos para todos os gustos, chegaremos a todos os barrios da cidade, cada rúa ou praza poderá converterse nun improvisado escenario. En definitiva, a música inundarao todo, xa sexan grandes concertos, habaneiras e baladas, música con raíces, pop rock, bandas locais ou directos”, destacou.
A praza de María Pita acollerá o 1 de agosto o concerto de Loquillo, Ariel Rot e Leiva que presentarán a súa xira “Uno de los nuestros”; ao que o seguirá o día 3 Fangoria; o día 5, a “Verbena de los 100 años”; o 7, Auryn e Efecto Pasillo; o 11, Malú; o 13, Borja Quiza; o 16, Luar na lubre; o 17, Macaco; o 22, Carlos Núñez coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG); e o 23, Ainhoa Arteta coa OSG.
A praia de Riazor celebrará os días 9 e 10 o Noroeste Pop Rock que estará encabezado polos londineses Suede e os nacionais Kiko Veneno e Los Enemigos e que terá como entrantes aos coruñeses Sabdios, Younger Boys e Moondogs Blues Party e aos composteláns Doctor Gringo, grazas a unha iniciativa que recuperou o directo para elixir estas bandas: “Un festival que conta coa presenza dunha banda que foi o himno dunha xeración e que será o concerto de rock máis importante do verán en Galicia; que terá sobre o seu escenario ao talento persoal e libre de Kiko Veneno; a Los Enemigos, aos que moitos consideran o mellor grupo de rock español da historia; pero que ademais ten espazo para os novos talentos. É evidente que está no camiño de converterse nun dos grandes festivais do país”, destacou a concelleira.
Nesta edición, seguirase apostando por distribuír as sedes dos concertos pola cidade e, ademais dos grandes escenarios do Coliseum, a praza de María Pita e o paseo marítimo de Riazor, terán especial protagonismo os xardíns de Méndez Núñez e o parque de Santa Margarita, que acollerán espectáculos de música máis tradicional como o Festival de Habaneiras (do 6 ao 11 de agosto) ou o Festival Internacional de Folclore (do 7 ao 11 de agosto): “Dous grandes clásicos do calendario de María Pita que manteñen as esencias das súas orixes, algo que estamos a intentar devolver a gran parte dos nosos eventos tradicionais que nos últimos anos foran abandonados”, explicou Fernández e engadiu: Durante tres días o parque de Santa Margarita volverá, “por segundo ano”, converterse no escenario de proxección dos grupos urbanos coruñeses que comparten espazo con algúns dos referentes nacionais nos seus diferentes estilos musicais e artísticos como Def Con Dos ou Dano & Emelvi”. Así, o 15 de agosto, de 18.00 a 00.00 horas celebrarase o Hip-Hop F.U.C. (Festival Urbano Coruñés); o 16 de agosto, de 20.00 a 02.00 horas, o Rock F.I.R.C. (Festival Independente de Rock Coruñés), encabezado por Def Con Dos; e o sábado, 17 de agosto, de 17.00 a 02.00 horas, o Electrónica F.E.C. (Festival Electrónico Coruñés) “.
A música estenderase por outros barrios e zonas da cidade como o concerto de Budiño e convidados que terá lugar o día 15 na praza de Pablo Iglesias; o Ronsell de Violonchellos que inundará a praza de Lugo, rúa Real, igrexa de San Nicolás e praza de María Pita o domingo 28 de xullo ou o concerto que se ofrecerá na praia de Riazor con motivo da Batalla Naval. “Continúase coa aposta de recuperar un grande evento destas festas como é a Batalla Naval cun gran concerto coa participación de Despistaos, Melocos e Dover”, explicou a concelleira, que tamén recordou o concerto exclusivo e intimista que ofrecerá Fito & Fitipaldis este mércores, 24 de xullo, ás 22.00 horas no Coliseum.
PÚBLICO INFANTIL
“Pero sen dúbida un dos proxectos que fai que as festas de María Pita sexan únicas no noso país é o Festival Faranduleando, un programa inédito en España deseñado en exclusiva para o público infantil e familiar,” destacou a concelleira. Serán 250 horas de programación infantil.
Neste sentido, Ana Fernández recordou que ningunha cidade española conta cunha iniciativa destas características e que, grazas ao Festival de Artes de Rúa, a danza, o teatro musical, o circo, o mimo ou o monicreque chegarán a todos os barrios da cidade: “Non” se viu “nada igual, nin ningún programa que aposte desta forma pola dinamización dos barrios e pola programación infantil. Faranduleando estará nun total de 27 localizacións, con máis de 60 espectáculos, 167 representacións e decenas de artistas de compañías locais, galegos e nacionais. Cando a festa remate terán compartido 15.000 minutos de faranduleo cos máis pequenos”, destacou.
O Festival chegará á praza de Lugo, praza Elíptica, rúa Barcelona e Agra del Orzán, paseo das Pontes, praza de Azcárraga, Matogrande; praza da Tolerancia, praza de Pablo Iglesias, Os Mallos-Ángel Senra, Campo de Marte, praza de Mariñeiros, Palavea, Novo Mesoiro, praza da Cubela, praza de Salvador de Madariaga, praza de Pontevedra, praza de España, rúa Barcelona e avenida de Finisterre, parque de Vioño, praza de Vigo, parque de Eirís, Parque Europa, parque de Oza, Obelisco, xardíns de Méndez Núñez, praza de María Pita, e parque de Santa Margarida.
As festas deste ano contarán como sempre cos eventos máis populares e que xa se afianzaron no calendario festivo da cidade, como a Feira de Artes Plásticas (do 19 ao 28 de xullo); a Feira das Marabillas (desde mañá, 23 de xullo ao día 28); a Feira de Artesanía máis importante de Galicia coa participación de 55 expositores (do 1 ao 18 de agosto), a Feira do Libro e do Cómic (do 1 ao 18 de agosto); o Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico que converte á cidade nun tebeo vivo durante unha semana, do 5 ao 11 de agosto; a Feira do Libro Antigo (do 15 ao 31 de agosto); ou o Certamen de Casas Rexionais (do 26 de xullo ao 18 de agosto).
“Un paseo polo centro da cidade en agosto non sería o mesmo sen estas casetas brancas que nos invitan a mergullarnos no pracer da lectura; móstrannos a calidade da nosa artesanía ou os encantos gastronómicos e culturais de toda a xeografía española”, destacou.
Ademais, programáronse infinidade de actividades ao aire libre con actuacións como a de Xacarandaina (15 de agosto); Gala de Maxia Robert Houdin (2 de agosto); Noites de cine (xoves e domingos de agosto na praza de España, praza de Lugo, Matogrande, praza de Vigo e praza das Bárbaras); e espectáculos en sala como os Cantajuegos (Coliseum, 10 de agosto), a Bela e a Besta (Palacio da Ópera, do 10 ao 13 de agosto), Mellizos con Bertín Osborne e Arévalo (Teatro Colón, do 6 ao 11) ou Moncho Borrajo (do 13 ao 18).
A cidade acollerá a Feira Taurina os días 2, 3 e 4 de agosto cun cartel que inclúe dúas corridas de touros con Juan Bautista, Morenito de Aranda e Daniel Luque (2 de agosto); e O Cordobés, O Fandi e O Capea (4 de agosto); e unha corrida de rejones con Joao Moura Jr., Noelia Mota e Roberto Armendariz (3 de agosto). Ese fin de semana tamén se celebrará o Ariete 2013 con recreaciones de confrontaciones de todas as épocas e exposicións e desfiles de vehículos histórico militares. Repítese tamén o Festival de Cometas (17 e 18 de agosto), a Exhibición de Coches e barcos de Radiocontrol (24 de agosto); e o XXI Rally Teresa Herrera de Vehículos Clásicos e Históricos (3 de agosto); e o I Concentración de motos clásicas Cidade da Coruña (24 e 25 de agosto).
DEPORTE
“Non podemos esquecernos do deporte porque durante o mes de agosto celébranse algunhas das probas máis tradicionais do calendario deportivo da Coruña co espectacular escenario natural da cidade. Ademais, repetimos outra das citas que o ano pasado tiveron unha gran acolleita: a Selección Española de Baloncesto recibirá a Alemania o sábado 17 de agosto, un evento que o ano pasado contou cun cheo absoluto no Coliseum con 10.000 espectadores”, destacou a concejala, quen agradeceu aos barrios o seu implicación nas festas: “Como todos os anos, as festas concluirán coa Romaría de Santa Margarita, o día 25 de agosto, logo de máis dun mes ininterrumpido de festas, actividades e diversión”, sinalou.
PROGRAMAS
Para plasmar todas estas actividades editaranse 75.000 programas (25.000 guías e 50.000 desplegables) coa axenda diaria e que se distribuirán en bibliotecas, centros cívicos, Ágora, Fórum Metropolitano, oficinas de turismo, comercio local e establecementos de hostelería, ademais dunha caseta de información nos xardíns de Méndez Núñez. “Na campaña de festas participaron 95 veciños e veciñas da cidade, e finalmente as caras de 47 coruñeses acompañarannos en mupis e banderolas por toda a cidade e en valas pola Coruña e a área metropolitana. Os coruñeses son sempre os mellores embaixadores das nosas festas”, destacou Ana Fernández.
“En definitiva, as festas de María Pita 2013 son un fiel exemplo da filosofía da Concejalía de Cultura e deste Goberno municipal. Festas gratuitas para que poidan ser consumidas por todos os veciños e visitantes; para que xeren riqueza aos nosos hoteis, comercios e locais de hostelería; para que entreteñan a toda a poboación sen importar a súa idade ou gustos; para que sitúen á cidade como o referente festivo, cultural e de lecer do noroeste español”, destacou Fernández. “Esperamos repetir o éxito do ano pasado cando multiplicamos por 6 a poboación da Coruña coa participación de máis de 1.700.000 persoas e cando cada euro investido supuxo un retorno moito maior”, concluíu a tenente de alcalde de Cultura.











