As conservas galegas convertiranse en protagonistas nos Mercados de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalMonforte de Lemos
A-
A+

A Praza de Abastos acolle esta fin de semana, días 20 e 21 de xullo, un Mercado dedicado ás conservas de Galicia. O Mercado  permanecerá aberto en horario de mañá e tarde durante as dúas xornadas.

Galicia é un país produtor de conservas desde o século XIX, especialmente das relacionadas co peixe e os mariscos.

Na actualidade apareceron pequenas empresas que diversificaron esta especialización mariñeira e que apostaron pola calidade e o aproveitamento de produtos tan galegos coma os grelos, as setas, o mel ou as castañas.

Este mercado pretende ser un escaparate do que hoxe se está facendo neste sector en Galicia, e un recoñecemento do esforzo destes emprendedores que confiaron na calidade  dos nosos produtos, engadíndolles o valor da transformación.

A maioría deles, ademais, están erradicados no medio rural, dinamizando pequenos  núcleos de poboación e facendo posible que o rural galego non se abandone.

Este mercado aspira a mostrar ó público a gran diversidade da oferta que existe, con produtos envasados procedentes da horta, a granxa, o monte,  o bosque, a viña ou o mar. 

No mercado das conservas haberá unha selección das mellores conservas de Galicia.

Desde Terra de Montes, en Pontevedra, Conservas Amorodo presentará a súa ampla gama de conservas vexetais ecolóxicas:

– Hortalizas ó natural: grelos, acelgas, feixón verde, tomate triturado, remolacha e coliflor.

– Marmeladas e confeituras: de amorodo, laranxa, kiwi, figo e cabaza.

– Sobremesas: a compota de mazá e o doce de marmelo.

– Preparados:  pisto con cabaciño, tomate frito, pemento confeitado e grelos con garavanzos.

– Legumes: garavanzos ó natural

Desde Verín, Ourense, Terras de Baronceli traeranos a súa selección de conservas de delicatesen:

– Fritada de pementos de Oimbra

– Marmeladas de mora, kiwi, amorodos, figo, framboesa, melón, mazá,…

– Marmelo con noces e piñons

– Patés de pementos e de cogumelos silvestres

– Tomates e salsa de tomate

Desde Quiroga o aceite  Aceiroga e as marmeladas e purés de Caurelor

Desde Vilar de Santos, as marmeladas e licores de Sabugueiro e Carabuñas

Desde a costa conservas de peixe, marisco e algas

Durante os meses de xullo e agosto, os mercados ampliarán o seu horario en consonancia coa temporada turística, abrindo tamén os domingos pola tarde de 17:00 a 20:00 h.

 

17 de xullo de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.