As concelleiras de Barrio informan da renovación das beirarrúas da rúa Pondal
As concelleiras de Barrio, Susana Pazo e Carmen Hervada, achegáronse esta mañá á zona de Riazor, onde informaron veciños e comerciantes do proxecto de mellora da rúa Pondal, dentro do plan de reurbanización de espazos públicos que programou a Concellaría de Infraestruturas.
As obras de mellora de beirarrúas e canalizacións da rúa Pondal enmárcanse dentro do contrato de mantemento, conservación e reparación de espazos peonís da cidade, un programa no que o Concello inviste este ano preto de 2,4 millóns de euros.
Os traballos que se desenvolverán na rúa Pondal responden a unha demanda de veciños, comerciantes e hostaleiros da zona. Neste caso concreto, cun investimento de máis de 62.000 euros e un prazo de execución de 4 semanas, a renovación das dúas marxes da rúa Pondal supoñerá unha mellora da accesibilidade peonil e da calidade de vida dos coruñeses, ao tempo que permitirá continuar co compromiso do Goberno municipal de consensuar as actuacións nos barrios cos cidadáns e de apostar por unha imaxe máis homoxénea de todas as zonas da cidade.











