As cláusulas sociais contra os desafiuzamentos poderían ser incluídas no prego de xestión financieira
Os servizos de recadación e tesourería do Concello de Ourense están a elaborar un novo prego de condicións técnico administrativas para sacar a concurso a xestión financieira do Concello. Os trámites para o novo procedemento administrativo darán comezo cando se produza o peche da Conta Xeral.
Así, o Concello aprobará un novo prego para determinar a entidade financieira coa que a institución municipal traballará nos próximos anos nos seus servizos de recadación, xestión financieira e tesourería municipal. Neste senso, os servizos xurídicos municipais están a examinar a posibilidade de que nas condicións administrativas se inclúan cláusulas sociais, que puntúen negativamente, ou incluso exclúan ás entidades que practiquen desafiuzamentos en casos de vivenda habitual ou persoas en risco de exclusión social.
O novo prego determinará as bases que permitan fixar a entidade xestora da recadación e xestión financieira do Concello nos vindeiros anos. No prego incluirase a tramitación, xestión e domiciliación de ingresos, pagos e recibos municipais, a xestión financieira e tesourería, agás os préstamos, e será elaborado polos propios servizos económicos municipais, que incluirán as conclusións dos informes xurídicos solicitados.











