As asesorías psicolóxica e xurídica do CIM de Ferrol atenderon a 310 mulleres no segundo trimestre do ano
A concelleira de Igualdade do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, deu conta hoxe da memoria de actividades do Centro de Información á Muller (CIM) correspondente ao segundo trimestre de 2013. Así informou na comisión informativa da Área de Benestar Social, Igualdade e Xuventude aos diferentes grupos políticos do Concello de Ferrol.
Entre abril e xuño a Asesoría Psicolóxica deste centro municipal realizou un total de 145 consultas, e 41 mulleres solicitaron cita por primeira vez neste servizo. Cómpre salientar que o CIM presta atención non soamente a mulleres de Ferrol senón que tamén atende a cidadás de municipios veciños como Narón (9), Fene (3), Cedeira (1), Ares (1), Neda (1) ou As Pontes (1), así como a inmigrantes (1). A franxa de idade de maior incidencia é a comprendida entre os 26 e os 35 anos e un alto porcentaxe de mulleres que acode ao CIM está en situación de desemprego. No que atinxe aos motivos de consulta coa Asesoría Psicolóxica, a de maior incidencia segue a ser a violencia de xénero, sendo 24 as mulleres que acudiron a este servizo por este motivo, seguida de patoloxías individuais e os procesos de dolo.
Ademais de asesoría psicolóxica o CIM tamén presta atención xurídica rexistrando un total de 173 consultas durante o segundo trimestre do ano (62 consultas en abril, 61 en maio e 50 en xuño). Durante este período de tempo foron iniciados un total de 47 novos expedientes, que teñen que ver con trámites de xustiza gratuíta ante o Servizo de Orientación Xurídica do Colexio de Avogados/as de Ferrol; solicitude de axudas periódicas para mulleres vítimas de violencia de xénero ante a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; prestacións ante a oficina do INEM; expedientes para incorporarse ao programa de aluguer de vivenda da Xunta ou tramitación de dispositivos de seguridade para mulleres en situación de risco por malos tratos. En canto ao perfil das usuarias da Asesoría Xurídica do CIM, a franxa de idade está comprendida entre os 32 aos 48 anos, é unha muller con un fillo, estudos primarios e en situación laboral activa.











