Arranca “Móstrate”, a XII Mostra de Teatro Afeccionado do Condado en Salvaterra de Miño
A Asociación Cultural Solpor vén de anunciar o cartel da XII Mostra de Teatro Afeccionado do Condado, Móstrate, que se celebra na Carballeira das Fraguiñas desde o 2002, na parroquia de Fornelos, en Salvaterra de Miño, continuando así o traballo iniciado fai anos, pondo en valor o teatro afeccionado do País nun escenario ao aire libre único, que conta xa cun público fiel desde o comezo da actividade.
Este ano a Mostra de Teatro celebrarase entre os días 25, 26 e 27 de xullo, sendo a hora de comezo das obras ás 22:30h.
O cartel deste ano fórmano compañías de Narón, Cangas e Monçao-Portugal, sendo a primeira vez que un grupo do país veciño participa da mostra.
O xoves 25 de xullo arrincará a Mostra, coa interpretación de “Para Brasil me vou roubando”, a cargo de Os catro de sempre, un colectivo de Mouriscados, Mondariz, formado por varios actores afeccionados da Comarca.
O venres 26 de xullo actuará o Grupo de Teatro Disfunción continua, da Estrada, pondo en escena “Eran outros tempos, ou non?”, dirixida por Jouse García.
O sábado 27 de xullo, ás 22:30h dará comezo a última actuación deste ano, coa interpretación de “A rúa do inferno”, a cargo da Axóuxere Teatro, de Oleiros.
Todas as obras comezan ás 22:30h, con entrada libre e gratuita.











