Arranca en San Sadurniño o programa de conciliación Aldea de Verán 2013
Este primeiro de xullo arrancou no CPI o programa Aldea de verán 2013, organizado polo Concello para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, ofrecendo ao mesmo tempo un espazo socioeducativo para todos os nenos e as nenas participantes con idades de entre 3 e 12 anos.
O programa está cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo. A súa duración é de dous meses, xullo e agosto, con dúas opcións dependendo da hora de entrada: de 8 a 14 e de 10 a 14 horas.
O programa de conciliación desenvólvese de luns a venres nas instalacións do CPI de San Sadurniño, coa fin de facilitar a coordinación con outros recursos e servizos municipais, como son a casa da Cultura, a biblioteca e as diferentes instalacións deportivas. Durante os dous meses que durará o programa o tema condutor das actividades serán os inventos, e arredor deste tema realizaranse actividades coeducativas, saídas en grupo polo municipio, xogos acuáticos na piscina municipal e organizaranse dúas excursións.
Este programa realízase por sexto ano consecutivo. Medra a participación con respecto a edicións anteriores, posto que de cara a este mes de xullo cubríronse as 40 prazas dispoñibles. Para aquelas familias que non realizasen a inscrición para o mes de agosto, o prazo está aberto desde hoxe ata o 19 de xullo. Ao igual que no mes anterior só poderán pagar a cota as familias que figuren empadrodas no Concello, dado que son as que teñen preferencia. O criterio de selección dos e das participantes será por rigorosa orde de inscrición no programa.
Aprendendo a consumir
Aínda que este martes 2 de xullo é festivo local, a Aldea de Verán desenvolverase igualmente e cun contido especial, xa que San Sadurniño acollerá dúas actividades do programa LecerConsumo da EGC (Escola Galega de Consumo/Instituto Galego de Consumo).
A primeira delas centrarase na escolla de xogos e xoguetes atendendo a criterios de igualdade de xénero e vai dirixida a 27 nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. A segunda -titulada “Xincana lecer e publicidade”- está pensada para os trece rapaces e rapazas e entre 9 e 12 anos que participan na aldea deste ano.











