Ares ofrece clases particulares de balde durante o mes de agosto para rapaces de familias con problemas económicos
A concelleira de Servizos Sociais, Victoria Montenegro, anunciou esta mañá que a súa área promoverá durante o mes de agosto clases particulares totalmente de balde para nenos e nenas de todos os nives educativos cuxas familias teñan problemas económicos. Como manifestou, se trara dunha iniciativa que pretende garantir que todo o alumnado, teña recursos ou non, poida acceder aos mesmos servizos durante o verán, nomeadamente nunha época como esta de crise económica, que conleva que moitas familias non dispoñan dos recursos necesarios para que os seus fillos e fillas cursen clases de apoio ou de preparación dos exames de setembro.
Os docentes, como destacou Montenegro, son un grupo de mozos e mozas –en torno á dez- que xa remataron as súas carreiras universitarias ou están a piques de facelo, que ofrecen os seus servizos dun xeito voluntario. Deste xeito, queda garantida a formación en todas as materias e para todos os niveis. A concelleira quixo agradecer publicamente o esforzo desinteresado destas persoas, sen as que sería imposible poñer en marcha este servizo que ten unha importante pegada social.
As clases impartiranse durante o mes de agosto na Casa da Xuventude, en horario de mañá, durante dous ou tres días á semana. Así mesmo, os rapaces recibirán formación dúas ou tres horas por clase.
As persoas interesadas en tomar parte destas clases deberán acudir a Servizos Sociais, no seu horario habitual de atención ao público, durante o presente mes de xullo, xa que as previsións do goberno local pasan por iniciar esta actividade o 1 de agosto. No momento de cursar a inscripción, haberá que dicir a idade do beneficiario, o curso académico e as materias das que desexa recibir a formación de apoio ou para realizar os exames de setembro.











