Ames ultima os hortos urbanos de Bertamiráns e solicita unha subvención para estender o proxecto ao Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ames está levando a cabo xestións para poder estender ao Milladoiro o concepto de hortas urbanas, que nos próximos meses botarán a andar en Bertamiráns. Para poder materializar este proxecto, o Concello vén de solicitar á Xunta de Galicia unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental. O obxectivo é adecuar unha parcela municipal, situada no Milladoiro, como horto urbano sostible e solidario para o uso por parte de veciños e veciñas.

A través desta subvención, o Concello podería acondicionar a parcela, na que é preciso realizar traballos de tala, desbroce, nivelación de pendentes, fresado e abonado do terreo. Ademais, sería necesario colocar un sistema de drenaxe na parcela, tanto perimetral como central e dotala dun sistema de rego con varios puntos de toma de auga co único fin de dar servizo aos hortos. No proxecto tamén se inclúe a construción dun camiño perimetral de 1,10 metros de ancho e outro central de 1,50, que darán acceso ás parcelas individuais. Por último, sería necesaria a instalación dun peche, a colocación de paneis informativos e a instalación dunha caseta-almacén.

Está contemplado que as parcelas conten cunha superficie aproximada de 40 metros cadrados, algo que permitiría unha produción suficiente para o abastecemento familiar medio ao tempo que permitiría formar varios bancais para levar a cabo unha das técnicas fundamentais na agricultura sostible, como é a rotación de cultivos.

Proximamente en Bertamiráns

Isto suporía a continuación dun proxecto iniciado polo Concello de Ames o pasado mes de abril, cando se aprobou en pleno a ordenanza das hortas urbanas sostibles e solidarias. De feito, o primeiro paso que levou a cabo o Concello foi acondicionar en Bertamiráns, na zona da Travesía do Pedregal, unha horta municipal sostible cunha superficie de 1.600 metros cadrados.

O pasado 18 de xullo foi publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do funcionamento de ditas hortas, polo que se calcula que en setembro se poida comezar co proceso de adxudicación das hortas.

O acceso ás hortas urbanas sostibles e solidarias estará aberto a todos os veciños de Ames maiores de idade e empadroados. Ademais, reservarase un 14% das parcelas para casos de emerxencia social e outro 14% das parcelas para maiores de 65 anos. O procedemento de adxudicación das parcelas iniciarao o Concello, establecendo os prazos de solicitude. Despois, a adxudicación das parcelas farase mediante sorteo público.

Os hortos urbanos contribúen á conservación da biodiversidade, xa que supoñen un xeito de recuperación e protección de sementes autóctonas. Ademais, son un bo exemplo da posibilidade de mesturar o emprego dunha zona como área recreativa ao tempo que didáctica para o coñecemento do medio natural. O acondicionamento da parcela dedicada aos hortos e as futuras actuacións no seu contorno, permiten que a calidade ambiental da zona mellore de xeito moi significativo. Os hortos urbanos tamén teñen un carácter social, xa que proporcionan un espazo produtivo e un lugar de ocupación para colectivos como persoas desempregadas ou maiores.

26 de xullo de 2013 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.