Ames mellora a súa solvencia e pecha 2012 cun remanente de tesourería de 190.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ames pechou o exercicio 2012 cun remanente de tesourería de máis de 190.000 euros, o primeiro positivo desde o ano 2006, e unha cifra significativa despois de que na última liquidación o remanente de tesourería alcanzara un rexistro negativo récord de máis de -2.100.000 euros. Ademais, o resultado orzamentario arroxou un superávit de 3,2 millóns de euros, tal e como reflicte a liquidación orzamentaria correspondente ao 2012. O alcalde de Ames, Santiago Amor, valorou estas cifras e destacou que “aínda que hai que ser prudentes e seguir traballando nesta mesma liña, trátase dunha moi boa noticia para o Concello, que está empezando a saír da situación crítica na que se atopaba nos últimos anos”.

O rexedor amiense subliñou que o Concello de Ames “segue a camiñar día a día cara a consecución da normalidade económica”. Saímos da UCI e xa estamos en planta. Desde logo que aínda non temos a alta, pero a melloría e esperanzadora”, apuntou. Santiago Amor tamén fixo fincapé en que “nos atopamos no bo camiño: o da superación duns problemas financeiros arrastrados desde hai anos, e que ameazaban con converterse en crónicos, poñendo en risco a viabilidade financeira do Concello, e con ela a continuidade do conxunto de servizos que nos corresponde prestar”.

Ante estes datos, o rexedor amiense destacou que o Concello de Ames “está superando as dificultades pouco a pouco e traballando de cara o futuro, co obxectivo de que Ames sexa un Concello sostible, goberne quen goberne”.

Sobre a liquidación orzamentaria correspondente ao 2012, o alcalde de Ames reiterou que se trata “dunha moi boa noticia para o municipio”.

Remanente de tesourería positivo

No caso do remanente de tesourería, trátase dun indicador que permite comprobar o nivel de solvencia dunha administración. En 2012, o Concello de Ames pechou o exercicio cun remanente de tesourería positivo de 190.025,75 euros, fronte ao mínimo histórico de -2.170.640,49 euros co que finalizara o exercicio 2011.

Esta evolución é froito dunha política baseada na seriedade, no rigor orzamentario, no control do endebedamento e na supresión do gasto superfluo, mantendo as políticas sociais e os programas que benefician ao conxunto da poboación nun momento complicado para os ingresos municipais.

En canto ao peche do exercicio, o resultado orzamentario reflicte uns dereitos recoñecidos netos de 22,7 millóns de euros e unhas obrigas recoñecidas de 19,7 millóns de euros. O resultado orzamentario axustado amosa un superávit en 3.230.702,22 euros.

De acordo co sinalado pola lei de facendas locais, darase conta ao Pleno da aprobación da liquidación correspondente ao 2012 na vindeira sesión a celebrar por este órgano, que é a correspondente ao mes de xullo.

A data de aprobación da liquidación segue a mellorar respecto á dos últimos anos. En 2012 deuse conta da mesma no pleno ordinario do mes de outubro, mentres que este ano será en xullo. Ademais, esta é a vez que máis cedo se aproba a liquidación desde o ano 2004.

Deste xeito, o Concello de Ames segue a traballar no cumprimento dos prazos legais establecidos para a rendición da Conta Xeral, que nos últimos dous anos foi presentada dentro do ano natural sinalado pola norma (o seguinte a aquel ao que se refiran as cifras). Neste exercicio, o obxectivo é cumprir o prazo de rendición sinalado pola norma, algo que non sucedía desde o exercicio 2003.

17 de xullo de 2013 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.