Ames aproba o acondicionamento dos camiños públicos e a depuradora da cidade deportiva do Real Aero Club de Santiago
A Xunta de Goberno Local de Ames deu luz verde á aprobación do proxecto de acondicionamento dos camiños públicos incluídos no Plan Especial de Dotacións da cidade deportiva que o Real Aero Club de Santiago proxecta instalar na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro. Ademais, aprobouse inicialmente a memoria das instalacións de tratamento e depuracións das augas residuais que se xerarán na cidade deportiva. Trátase de dous pasos necesarios para dar cumprimento ao disposto no Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, previos á autorización das obras de construción da cidade deportiva.
O obxectivo destes acordos é dar aprobación e tramitación para a autorización das obras de tratamento de vías públicas contidas no Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, aprobado polo pleno do Concello de Ames o pasado 25 de abril e publicado no Boletín Oficial da Provincia no mes de maio. Tamén se aproba a dotación dos servizos de saneamento para o funcionamento das edificacións da cidade deportiva. O expediente aprobado pola Xunta de Goberno Local será exposto ao público polo prazo de 20 días desde a publicación do acordo no BOP, coa notificación aos interesados.
Visita á zona
En xornadas pasadas, o alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada, e pola concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, visitaron os terreos nos que se instalará a cidade deportiva do Real Aero Club de Santiago. Alí, reuníronse co presidente do Real Aero Club, Juan Cuevas, e co vicepresidente e tesoureiro desta entidade, Vladimir Sieyro.
Durante esta visita, os membros do grupo municipal puideron percorrer parte do campo de golf, no que xa están operativos os 18 buratos, e a zona onde se instalará a sede social do club e os equipamentos deportivos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou tras a visita que a cidade deportiva do Real Aero Club “trátase dun proxecto que situará a Ames no mapa deportivo, aumentando a proxección do noso municipio, e será un elemento dinamizador da zona”. O rexedor tamén destacou que, ademais, desde o Concello “estanse buscando fórmulas de colaboración coa directiva do Real Aero Club para achegar aos nenos e nenas de Ames a este deporte”.











