publicidade hoxe

Abegondo acada un incremento dun 3% nos presupostos aprobados no pleno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+
Un instante do pleno

Un instante do pleno

As dificultades económicas do momento actual non impiden que o Concello de Abegondo logre incrementar o presuposto municipal para este exercicio. O novo documento económico foi aprobado no pleno municipal ordinario celebrado no mediodía de hoxe.

O presuposto, equilibrado en ingresos e gastos, ascende a 3.323.171,12 euros, o que representa un lixeiro incremento, dun 3%, con respecto a 2012, un logro pouco común nas administracións municipais neste difícil contexto.

O documento económico non contempla acudir a ningunha operación de crédito bancario nin ningunha amortización dado que o Concello os cancelou todos os créditos bancarios o ano pasado. Esta ausencia de partidas para a amortización de crédito consiste nunha situación excepcional para a administración municipal e que en Abegondo sucede por primeira vez en 25 anos.

No apartado de gastos, o capítulo que acumulará maior consignación económica é o de gastos de bens correntes e servizos. Neste ámbito encóntrase a dotación para servizos sociais, unha das principais prioridades do Concello de Abegondo para atender os colectivos e veciños con maiores necesidades.

O capítulo de investimentos supón un 11,10% do presuposto, unha porcentaxe notable pola situación de crise xeral que padece o país. Os investimentos alcanzan polo tanto os 401.967,19 euros, que o Concello dedicará a diversas actuacións en infraestruturas básicas e a dar resposta a necesidades trasladadas polos veciños do municipio.

Este capítulo considera obras, como a reparación de camiños na Raíña e nas parroquias de Figueroa, Sarandós, Abegondo, Crendes ou Cullergondo. Tamén se establecen as consignacións para a reforma da iluminación pública, coa previsión do cofinanciamento do INEGA, e para o Plan de Obras e Servizos que financia a Deputación da Coruña.

Un dos investimentos reflectidos corresponde á reforma do campo de fútbol de San Tirso de Mabegondo. Precisamente, o pleno aceptou hoxe por unanimidade a cesión gratuíta do recinto por parte do club. A dotación de céspede artificial constitúe unha aspiración para o Concello de Abegondo, coñecedor do elevado uso que ten tanto por parte de ducias de nenos e adultos xogadores de fútbol. Por iso, o equipo de goberno buscou os investimentos necesarias na Xunta de Galicia e Deputación da Coruña. O goberno autonómico se comprometeu a proporcionar sobre 40.000 euros e a institución provincial, uns 200.000 euros, conseguindo a contía necesaria para impulsar a actuación.

As condicións meteorolóxicas que vive Abegondo ao longo da tempada requiren deste tipo de infraestrutura, inexistente no municipio. O campo terá herba artificial de última xeración, cun campo de fútbol 11 e dous transversais de fútbol 7 para proporcionarlle maior funcionalidade e uso.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, atribúe esta posibilidade de crecemento dos presupostos á boa saúde que obteñen as arcas locais grazas ás “políticas de aforro e de gasto con mesura e en función das necesidades reais” que está a aplicar o goberno municipal.

Compra da cámara agraria e moción urxente

Na sesión, ademais, aprobouse a adquisición á Xunta do inmoble da antiga cámara agraria, finalizado o período de cesión. Situado xunto ao Concello, a dependencia alberga a sede do GDR Mariñas – Betanzos e da rede rural de GDR, en a planta alta, e unha sala para maiores na planta baixa.

O Concello pagará 42.535,50 euros polo inmoble, que seguirá acollendo por agora o mesmo uso. O alcalde considera que o edificio, nun punto neurálxico do municipio, debe permanecer en mans dos veciños para ofrecer servizos eminentemente de desenvolvemento rural.
Así mesmo, o pleno aprobou o expediente de contratación para a concesión da xestión da escola infantil municipal.

No apartado de mocións urxentes, o pleno aprobou unha modificación do regulamento de urbanización en chan urbano ou de núcleo rural para introducir unha exención nos casos que os gastos de urbanización se excedan dos gastos do propio proxecto, en función de criterios técnicos. Foi apoiado por unanimidade.

En rogos e preguntas, Santiso desvelou que un dos proxectos que manexa o Concello para seguir aumentando o parque fluvial de Beche pasa por crear un pequeno Pitch and Putt de tres buratos nunha parcela duns 5.000 metros cadrados.

11 de xullo de 2013 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.