A Xunta de Goberno da Laracha adxudica o contrato do servizo de prevención e defensa contra incendios
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou, na súa última reunión ordinaria, adxudicar o contrato do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais.
O Concello da Laracha e a Consellería do Medio Rural e do Mar, por medio do convenio de colaboración, destinarán 60.000 euros para a prestación deste servizo durante os próximos tres meses co propósito de alcanzar unha maior eficacia na loita contra os incendios no ámbito do municipio.
Segundo o prego de prescricións técnicas, a brigada estará composta por seis membros en cada unha das xornadas de traballo, co que se garantirá a óptima prestación do servizo que estará en funcionamento ata mediados do mes de outubro.
Modificación estudo de detalle da parcela da escola infantil
Na sesión deuse conta aos membros da Xunta de Goberno Local da aprobación inicial da modificación do estudo de detalle do ámbito dotacional remitido a ordenación especial OE-L1, referido á parcela na que se sitúa a escola infantil pública da Laracha, incluída na rede A Galiña Azul.
O obxecto deste documento é reordenar o ámbito para posibilitar a proxectada ampliación desta instalación. O estudo de detalle actual contempla a reserva de solo para dúas dotacións, diferenciando a parcela 1 (na que está construída a escola infantil) e a 2 (que está vacante).
A solución proposta polo goberno local non altera nin as características nin a superficie do ámbito (4.636 m2) e permitirá aumentar a ocupación de terreos, necesaria para a creación do novo edificio e a conseguinte ampliación do centro. Ademais, o novo reaxuste das aliñacións establecen un incremento da anchura da rúa en beneficio dos espazos destinados a aparcamentos e accesos á instalación.
Este trámite urbanístico está imposto polo propio Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e require da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), superar o período de exposición pública e, por último, do acordo do Pleno da Corporación para elevar a definitiva a aprobación da modificación do estudo de detalle.
Unha vez finalizado este procedemento, e tralas xestións realizadas polo goberno local con responsables do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, a obra será sacada a licitación de xeito inmediato.
O proxecto de ampliación da escola infantil está incluído no Plan Educa3 e contempla a construción dun novo edificio con tres aulas e espazos educativos complementarios, creándose 41 novas prazas para unha capacidade total de 115 usuarios, que son nenos de ata tres anos de idade.
A actuación, valorada nuns 400.000 euros, será cofinanciado pola Xunta de Galicia e polo Concello da Laracha, que aportará o 40 por cento do custo da obra.











