A Xunta de Goberno aprobará inicialmente o plan especial de saneamento e abastecemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reunirase en sesión ordinaria este luns. Entre os asuntos da orde do día cabe salientar a aprobación inicial do Plan Especial de infraestruturas de servizos do sistema xeral de abastecemento e de saneamento de auga no termo municipal, que foi elaborado co obxectivo de ordenar as instalacións actualmente existentes e as futuras que se van construír para garantir a correcta prestación destes servizos á poboación.

Este Plan Especial é un documento de tipo urbanístico que posibilitará organizar dun xeito máis efectivo as infraestruturas en uso e deixar preparado o terreo para a futura realización de novas actuacións. En concreto, establece o punto máis axeitados para situar un novo depósito de cabeceira e a necesidade de mellorar as principais estacións depuradora e potabilizadora, determinando ademais a cualificación urbanística do terreo que é precisa para poder acometer estas obras.

As actuacións propostas para reforzar as infraestruturas consisten na ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de O Formigueiro -que é a principal do municipio e recibe a carga dos cascos urbanos da Laracha e de Paiosaco, así como de numerosos núcleos rurais aos que se foi levando o servizo de saneamento durante os últimos anos-, melloras na estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Gabenlle e por último, a creación dun novo depósito de auga potable de cabeceira en Golmar (entre os núcleos de A Calvela e Requesende) para reforzar o abastecemento tanto a esta parroquia como á de Lestón (á que pertence Paiosaco). Isto permitiría das resposta ás futuras necesidades que nun futuro poidan presentarse.

O primeiro paso da tramitación deste Plan Especial consistiu na súa remisión á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, que determinou que non era necesario que se emitise un informe de avaliación ambiental estratéxico en base ás características do proxecto e o ámbito do mesmo.

Agora continúa o procedemento de tramitación municipal que requirirá, ademais da aprobación da Xunta de Goberno Local, superar os correspondentes prazos de exposición pública e, por último, o acordo por parte do Pleno da Corporación para a súa aprobación con carácter definitivo.

Desde o Concello da Laracha vense realizando durante os últimos anos un importante esforzo para reforzar o saneamento de residuais e o abastecemento de auga potable no termo municipal, achegando estes servizos a cada vez máis núcleos de poboación rural. As actuacións desenvolvidas para as ampliacións das redes e a construción de depuradoras nas parroquias foron financiadas con fondos propios municipais e coa participación en programas da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia, neste caso a través do organismo Augas de Galicia.

Na actualidade estímase que máis dun oitenta por cento das persoas que residen no Concello da Laracha poden dispoñer nas súas vivendas destes servizos, unha cifra elevada tendo en conta a característica dispersión da poboación deste municipio, que conta con preto de 11.500 habitantes e 315 núcleos. A aprobación deste Plan Especial será un paso importante cara a futura cobertura integral dos servizos de abastecemento e saneamento.

 

20 de xullo de 2013 | 15:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.