A VIII Feira da Denominación de Orixe Monterrei incluirá exaltación vitivinícola, gastronomía e entrega de distincións

Presentación da cita vitivinícola
Durante os días 09, 10 e 11 de agosto, a praza da Mercé de Verín acollerá a celebración da VIII Feira do Viño de Monterrei, organizada polo Concello de Verín e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, coa colaboración do PCT Puertas de Galicia, Eurocidade Chaves-Verín e o concello de Vilardevós.
Durante esta cita, que foi presentada esta mañá polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Antonio Ángel Méndez Atanes, conxugáranse viño, gastronomía, baile e música co obxecto de exaltar unha denominación vitivinícola que logrou nos últimos anos recoñecementos en certames nacionais e internacionais como a Cata de Viños de Galicia, Concurso de Viños do Noroeste ou Concurso Mundial de Bruxelas; así como a inclusión dalgúns destes viños en guías tan prestixiosas como Campsa, Proensa, ABC, El Mundo, Peñín ou na revista The Wine Advocate de Robert Parker.
Tras a inauguración oficial do recinto feiral, o venres 09 de agosto, ás 20.30 horas, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladase ao Parador de Verín onde, a partir das 21.30 horas, entregaranse nun acto as distincións da Confraría de Amigos do Viño de Monterrei, co obxecto de recoñecer a labor de persoas e profesionais na súa contribución á mellora e evolución dos viños desta denominación. Un acto que recoñece os 18 anos, “ a maioría de idade”, desta denominación, e no que se repartirán un total de 18 galardóns, entre os que se inclúe unha Medalla Maior, medallas de honra e recoñecementos ao propio sector, no ámbito produtivo, técnico e de promoción.
Na xornada do sábado, ademais da degustación de viños de Monterrei nas diferentes casetas da feira, a praza Maior de Verín acollerá a partir das 24 horas un gran concerto a cargo de ‘Los Rebeldes’ e ‘Los Limones’, dous míticos grupos de rock dos anos oitenta que interpretarán temas como “Bajo la luz de la luna”, “Mediterráneo”, “Un español en Nueva York”, “Trenes sin destino”, “No sube la marea, “El canto de la sirena” ou “Ferrol”, entre outros.
O domingo 11 de agosto, no recinto feiral da praza da Mercé, será a quenda para as actuacións musicais, a partir das 20.30 horas, das asociacións de mulleres rurais “A Ribeira” (Vilaza), “Toural” (Mandín), “Monterrei” (A Pousa), “25 de Xullo” (Albarellos), “As Candelas” (Pazos), “Santa María de Tamagos” (Tamagos) e “San Pedro” (Queizás); así como do grupo musical e de baile Candaira. E xa a partir das 22.30 horas, na praza Maior, terán lugar as XXX Xornadas de Folclore nas que participarán as agrupacións Belaya Rus (Bielorrusia), Bafopaz (Bolivia) e PAMANA ng LuzViMinda Philippine Folkloric Dance Company (Filipinas).
Ademais durante as tres xornadas da VIII Feira do Viño de Monterrei, nove restaurantes da comarca (Lugano, San Roque, O Candil, Casa Rural A Cortiña, O Augueiro, O Castelo, Brasil, Casa Manola e Parador de Verín) ofertarán menús especiais da Feira do Viño con prezos que oscilan entre os 16 e 22 euros. E desde o Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia promoveranse paquetes turísticos para ese fin de semana, que inclúen aloxamento e diferentes propostas de ocio e culturais na zona, co fin de incentivar unha maior participación do público nesta oitava edición da feira, sortearanse ademais bonos regalo, cambiables por degustacións gratuítas na caseta da Denominación de Orixe situada na praza da Mercé.
Na Feira, na que participarán 12 adegas (Ladairo, Gargalo, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Mara Martín, Triay, Boo Rivero, Vía Arxéntea, Chicheno, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú), os/as visitantes poderán degustar viños a uns prezos moi populares, por seis euros terán dereito a un cataviños máis 5 degustacións, por catro euros 5 degustacións e por 6 euros poderán adquirir unha botella dos viños da D.O. Monterrei. O horario de apertura da Feira será o venres de 20 a 24 horas, e o sábado e domingo de 12 a 14 e de 20 a 24 horas.
A Denominación de Orixe Monterrei, nada no ano 1994, está a experimentar unha importante evolución, resultado da notoriedade que están a adquirir os seus viños tanto nos mercados nacionais coma internacionais. Un crecemento que se expresa nos datos desta nova rexión vitivinícola, conformada no 1999 por 4 adegas fronte ás 23 inscritas na actualidade. Incremento que se traduciu tamén no embotellado de 745.000 botellas baixo o selo desta D.O. No ano 2007, e que na última colleita 2012 ascendeu á cifra de 1.660.000 botellas. Cunha aposta dende o 2002 pola elaboración e cultivo exclusivo de variedades autóctonas, a D.O. Monterrei vén de impulsar a súa representación no mercado exterior, desenvolvendo diferentes actuacións promocionais como poden ser as recentes misións inversas de Estados Unidos e Xapón, país no que tamén participou como patrocinador do sumiller Nacho Costoya, representante español no Concurso Internacional de Sumilleres celebrado na capital nipona. Resultado desta intensa labor, as cifras de exportación chegaron a duplicarse nos últimos 5 anos, accedendo a mercados altamente competitivos como Alemania, Bélxica, Suiza, Reino Unido, Canadá, Estados Unidos, Brasil, México ou Xapón.











