A V Xornada de Cultura Popular Galega levará a música popular e a percusión a San Sadurniño en setembro
O Concello volve colaborar coa asociación Berros do Castro na organización das xornadas de cultura popular galega, que este ano se centrarán na importancia para a música popular da voz combinada coa percusión. As xornadas están estruturadas en tres partes: unha exposición, un obradoiro musical e varias actuacións con entrada libre. O encontro celebrarase o sábado 28 de setembro xa desde pola mañá na casa da Cultura.
O primeiro bloque, o expositivo, consiste nunha mostra de paneis con fotografías antigas sobre músicos populares das parroquias de Ribadeume e Bermui (As Pontes), parroquias cunha fonda tradición musical na nosa comarca. O material expositivo é propiedade da asociación de veciños da parroquia de Ribadeume e a través del poderase percorrer a vida musical de antano no rural pontés. Ademais, tamén contará con imaxes da banda de Ribadeume desaparecida en 1943, e na que se formaron músicos que chegaron a ser integrantes de importantes orquestras galegas, como é o caso de Pedro Cupeiro ou Andrés Gómez, entre outros moitos.
Por outra banda, o obradoiro musical ocuparase de traballar a mestura da voz e da percusión segundo os patróns tradicionais galegos. O mestre Xabier Díaz -integrante de Berrogüetto e cantante de Nova Galega de Danza- impartirá unha sesión na que abordará aspectos relacionados coas técnicas de pandeireta, pandeiro e pandeira, os patróns tradicionais galegos de interpretación destes instrumentos, e aspectos relacionados coa relación entre as escalas modais e o repertorio tradicional, entre outros contidos.
No terceiro dos bloques das xornada -que comezará ás 20.00 h. con entrada de balde- inclúense concertos do propio Xabier Díaz, do grupo de pandereteiras Algarabía de Lago (Valdoviño),e do grupo de música tradicional Os Melidaos (Melide).
Todas as actividades da V Xornada de Cultura Popular Galega celebraranse na casa da Cultura de San Sadurniño o sábado 28 de setembro. No caso de querer participar no obradoiro será necesario inscribirse antes contactando cos responsables da asociación Berros do Castro a través dos teléfonos 669 795 418 e 626 140 798, no seu facebook ou enviando un correo a berrosdocastro@gmail.com.
Ademais do Concello de San Sadurniño, no evento colaboran a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.











