A Unión de Comerciantes Coruñeses ofrece colaboración para o Plan de Mobilidade Urbana Sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Tenente de Alcalde de Seguridade, Julio Flores, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes das asociacións que forman parte da Federación de Unión de Comerciantes Coruñeses (UCC), para analizar os aspectos a mellorar en materia de seguridade cidadá e mobilidade. No encontro tamén estiveron presentes o Director da Área de Seguridade, Carlos García Touriñán, o Xefe da Policía Local, José Antonio Brandariz, e o Inspector Principal responsable da Unidade de Tráfico, Jorge Souto.

Na Unión de Comerciantes Coruñeses están representados comerciantes de Matogrande, Cidade Vella, Zona Comercial Obelisco, Conchiñas, Anxo Senra-Nuevos Juzgados, Sagrada Familia, Distrito Picasso, Elviña, Riazor, Soho-Orzán, Castrillón-Eirís-Monelos e zona Orzán. Estivemos a analizar aspectos relacionados coa seguridade cidadá e a mobilidade en todas as zonas e tomamos boa nota das súas demandas e das suxestións para mellorar o noso traballo”, sinalou Julio Flores, quen continuou agradecendo “o ofrecemento do presidente da UCC, Miguel Suárez, para recoller todas as ideas e suxestións dos seus asociados e participar como colectivo de forma activa na elaboración do primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) da historia da cidade”.

No transcurso da reunión, os representantes da UCC solicitaron que se reforce a vixilancia das zonas de carga e descarga, que se amplíen as zonas de aparcadoiro para motos, que se revise a señalética que indica a presenza de aparcadoiros públicos, que se vixíe a presenza de vehículos non autorizados nas rúas peonís, que se continúe reforzando a limpeza viaria e que se controle especialmente o comportamento incívico da pequena porcentaxe de cidadáns que incumpren as ordenanzas ambientais de limpeza.

Flores explicou aos representantes veciñais o funcionamento da Policía de Barrio no seu primeiro ano de actividade e aproveitou a reunión para anunciar o despregamento de Patrullas a Pé nas zonas do Birloque e Labañou-Náutica. Estes dous barrios, que se suman ao anunciado a semana pasada – Ventorrillo-, forman parte das cinco novas zonas previstas para este ano 2013 e únense aos 16 barrios que xa se están a patrullar a pé na actualidade.

Na reunión, Flores informou do balance da actividade do primeiro ano de traballo da Policía de Barrio, que permitiu incrementar nun 52% o número de patrullas realizadas e cubrir todos os barrios con patrullas a pé, en moto ou en coches radiopatrullas: “Pasamos dunha media diaria de 50 policías locais que prestaban servizo nos barrios en 2011 a unha media diaria de 83 policías nos barrios no primeiro trimestre de 2013”.

Flores sinalou que a UCC se incluíu no programa de Policía Comunitaria, que mantén contactos periódicos con representantes veciñais e con responsables de centros docentes. “É vital este contacto permanente cos representantes do tecido social para actualizar a información de cada barrio e lograr que o noso traballo sexa máis efectivo”, finalizou Julio Flores.

9 de xullo de 2013 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.