A unidade móbil de ITV agrícola revisa tractores e remolques de uso agropecuario en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Instante dunha inspección

Instante dunha inspección

Tractores e vehículos agrícolas de Ponte Caldelas e municipios limítrofes foron examinados na Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas instalada durante todo o día de hoxe na explanada do campo de fútbol municipal de Chan da Barcia.

Técnicos da empresa concesionaria de Inspección Técnica de Vehículos, Supervisión e Control, adscritos á estación de Ponte Bora, estiveron dende primeira hora da mañá, ata as seis da tarde, procedendo a supervisar o estado de tractores e vehículos agrícolas.

Os procesos de inspección centráronse, fundamentalmente, en comprobar o estado dos freos e da dirección, así como outros puntos vitais na seguridade destas máquinas de uso agropecuario.

A revisión realizada por esta ITV móbil ten a mesma validez que calquera outra permanente existente en Galicia e o feito de que se instale en Ponte Caldelas permitiu aos propietarios de vehículos agrícolas do municipio e doutros lindantes como A Lama, Fornelos ou Soutomaior, poder pasar a correspondente revisión con total comodidade ao non se ter que desprazar ás existentes en Ponte Bora ou Curro, entre outras.

A revisión periódica destes vehículos agrícolas é obrigatoria e, ao mesmo tempo, é unha medida preventiva que mellora a seguridade dos usuarios destas máquinas que, por desgracia, son obxecto de continuos accidentes no mundo rural.

Coa instalación da Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas en Ponte Caldelas, o Concello pretende favorecer a proximidade e o mellor acceso de todos os veciños aos servizos comunitarios ao tempo que se evitan desprazamentos incómodos que resultan, á vez, custosos para os usuarios.

Estas unidades móbiles percorren as principais bisbarras da provincia de Pontevedra sendo moi demandadas en zonas, como O Deza ou O Salnés debido á presenza de gran cantidade de maquinaria agrícola susceptible de ser supervisada periodicamente por inspectores da ITV.

29 de xullo de 2013 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.