A rúa Cerca do Carballiño contará cun novo firme
A área de Obras do concello do Carballiño iniciará a próxima semana varias actuacións dirixidas á mellora, reparación e mantemento de varios viais, tanto da zona urbana coma do rural. Entre estas actuacións destaca a que se vai realizar na rúa Cerca, que une a rúa dos Canteiros con Curros Enríquez.
Nesta rúa procederase á empedrada integro desta, con lastra románica que permite tanto o paso peonil coma a circulación de vehículos, dando unha continuidade ao ámbito da Veracruz, e a súa posterior unión coa rúa Curros Enríquez (cuxa empedrada se acometerá a finais deste ano).
Na rúa Cerca manteranse as beirarrúas, pero dotarase de empedrado na zona de rodadura, incluíndo a recollida de pluviais igual que a da rúa Canteiros. Preténdese desta forma realizar unha mellora integral desta e unha ampliación da zona de influencia do ámbito da Veracruz.
Outras actuacións incluídas neste proxecto de mellora, reparación e mantemento de viais serán na zona do pavillón Paco Chao, ou no rural en Casansedo, Pol, Fraga ou Batalláns entre outras. O investimento total será duns 60.000 euros.











