A Rapa das bestas de Sabucedo, no Concello da Estrada, volverá a congregar a miles de persoas
Un ano máis, a parroquia estradense de Sabucedo, convertirase durante o primeiro fin de semana de xullo nun dos núcleos máis visitados de Galicia, coa celebración da tradicional Rapa das Bestas.
Unha festa declarada de Interese Turístico Internacional que atraerá a atención de preto de vinte mil persoas chegadas de todos os recunchos do planeta. Dita distinción serve para premiar a antigüidade da celebración, o seu arraigo popular, a repercusión que ten nos medios de comunicación nacionais e internacionais, así como o bo trato dispensado aos cabalos.
A Festa, que comezará a noite de mañá coa IV Gala en honra e loubanza aos aloitadores, proseguirá o venres coa a subida aos montes na procura dos cabalos, a posterior xuntanza no cerre do Castelo e a inauguración da exposición Galicia latexa: A rapa das bestas de Sabucedo. Xa o sábado ás 19.00 h terá lugar a primeira Rapa no curro; seguida da acostumada verbena no Campo do Medio. O domingo a media mañá está prevista a segunda Rapa á que seguirán distintas actuacións folclóricas, para rematar o luns coa tradicional Rapa solidaria.
Pero esta festividade, chega precedida dunha xeira de actividades que en palabras do presidente da Asociación Rapa das Bestas, Pepe Paz, tratan de “desestacionalizar a festa”, cumprindo unha das encomendas do Plan Director de Sabucedo e buscando que esta parroquia “aproveite o arraigo da tradición cabalar e a forza desta celebración para atraer visitantes ao longo de todo o ano”.
Con esta finalidade, vénse de organizar unha ruta cabalar entre o Salnés e Sabucedo, e estase a ultimar unha inspección arqueolóxica, que segundo o presidente deste colectivo, tratará de “localizar e poñer en valor a coñecida como Casa das Vellas” -o lugar onde a lenda sitúa as orixes da tradición da Rapa das Bestas; ademais de “crear un museo permanente da Rapa na Reitoral”.
Pero máis alá do innegable valor turístico que ten esta festividade, máis alá do sentido mítico da loita entre home e cabalo, esta festa cumpre tamén a función de fortalecemento comunal, e de convivencia festiva. Un exemplo de irmandade entre nativos e forasteiros. Moitas das tarefas que durante todo o ano desenvolven os veciños para manter viva esta tradición, son as que propician, segundo Pepe Paz, que “os veciños traballen arreo, todos xuntos, no obxectivo de cumprir coas expectativas dos miles de visitantes que se achegan a disfrutar da festa”.
Neste punto, Pepe Paz, en previsión das altas temperaturas que se esperan para esta fin de semana, recoméndalles a todos os visitantes, e en especial a todos os que decidan subir ao monte na procura das bestas, que “vaian acompañados de cremas protectoras e de gorros ou viseiras para evitar posibles queimaduras”. Tamén mencionou a importancia de “levar auga en abundancia para previr posibles deshidratacións” e de ter especial coidado cos cabalos; xa que están máis alterados do habitual debido á alimentación que deparou este chuvioso inverno.
Coma todos os anos, as localidades para acceder ao curro, poden mercarse de forma anticipada no Teleclub de Sabucedo, no Departamento de Cultura do Concello e na oficina de Turismo de A Estrada. A asociación organizadora recomenda, debido á grande afluencia de público que se prevé, mercar a entrada con antelación para evitar sorpresas desagradables; polo que, un ano máis habilitouse un servidor de venda on line a través das páxinas web www.rapadasbestas.com/es/org.
Pepe Paz, en nome da asociación que preside, quere animar a todos os amantes dos cabalos e da natureza, procedentes de dentro e fóra de Galicia; a que se acheguen esta fin de semana a Sabucedo para “disfrutar da festa e do seu impoñente patrimonio paisaxístico”. Non hai que olvidar que toda esta oferta monumental, etnográfica e natural que nos ofrece a Rapa, insírese dentro dunha abundante oferta de casais rurais e na exquisita gastronomía que caracteriza a toda a comarca de Tabeirós-Terra de Montes.











