A primeira xeira do IEM durante o verán será polas minas de ouro da Serra da Groba

Participantes nunha das rutas anteriores
Este mércores 10 de xullo terá lugar a primeira Xeira do Verán 2013 cunha visita guiada polas minas de ouro da Serra da Groba. O punto de encontro será na sede do IEM (Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira, Nº10, baixo, Gondomar), ás 17:30 horas. No percorrido imos ollar unha explotación aurífera romana: Os Buracos dos Mouros, e outras máis. Coñeceremos de primeira man a riqueza toponímica da serra, así como a biodiversidade que habita o enclave. Por certo, non fallarán referencias ás historias e lendas recollidas ao longo de séculos nestas terras do Miñor xunto coa contemplación das fermosas paisaxes da Groba e bisbarra que permiten os cumios da serra.
Nesta Xeira contaremos coa guía dos especialistas do IEM, Xosé Lois Vilar (arqueoloxía, arte rupestre e toponimia), Xilberte Manso (etnografía e patrimonio) e Xosé Ramón García (biólogo e botánico).
Para participar da mesma só hai que estar no punto de encontro, con roupas e calzado cómodos para andar polo monte e levar auga e algún alimento para repor forzas. Lembrade que para manter estas e as demais actividades do IEM precisamos sobre todo da vosa presenza pero tamén da vosa colaboración e axuda, que pode ser dende facerse socio, mercar un libro ou unhas postais. Para iso no punto de encontro contaremos cunha mesa coas nosas publicacións, uns xeitosos gorros para utilizar na xeira e fichas para facerse socio.











