A primeira quenda da Aldea de Verán de San Sadurniño despídese mostrando as súas actividades

Os cativos na mostra
Hoxe rematou a quenda de xullo da Aldea de Verán, o programa de conciliación posto en marcha polo Concello para que a cativería aprenda e se divirta mentres os pais traballan. Para moitos foi un día de despedida e para outros un día máis, xa que aínda seguirán na aldea parte ou todo o mes de agosto. Neste último día de xullo os nenos e nenas mostraron parte das actividades que desenvolveron.
A base da Aldea de Verán situouse por cuestións operativas no patio cuberto do colexio, pero na práctica a rapazada moveuse por todo o núcleo de San Sadurniño participando en distintos xogos e actividades a medio camiño entre o lúdico e o educativo. Mesmo foron de excursión ao Museo de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña.
Porén a maior pàrte do tempo dedicárona a descubrir o mundo que os rodea. De feito, este ano o fío condutor da Aldea de Verán foron os inventos e a ciencia. Nenas e nenos convertéronse en exploradores do seu contorno e en pequenos científicos coa axuda das monitoras. Grande parte da súa aprendizaxe condénsase nunha exposición aberta na casa da Cultura. Alí poden verse xoguetes feitos por eles, paneis sobre a evolución da ciencia, manualidades de todo tipo ou unha pequena colección de insectos, follas e pequenos animais recollidos por eles mesmos como escolma da fauna e da flora de San Sadurniño.
Onte mesmo o grupo participou nun obradoiro de elaboración de galletas que hoxe se degustaron na clausura da Aldea de Verán do mes de xullo. Ademais todos e todas probaron a macedonia de froitas e a limonada preparadas polas nenas e nenos coa axuda do monitorado. No tramo final da xornada houbo actuacións con xogos, música e baile xunto con explicacións sobre algúns inventos creados polos cativos. O acto rematou co visionado dunha peza audiovisual que resume paso a paso as actividades realizadas polos tres grupos de idade da Aldea de Verán 2013: Charavetas, Supernova e Chavalada.
A Aldea de Verán desenvólvese nos meses de xullo e agosto. As familias do concello puideron inscribir os fillos para un mes ou para os dous. Por esta razón hoxe houbo nenos que se despediron da actividade mentres que outros aínda seguirán en agosto. E tamén hai quen se incorpora mañá nalgún dos dous horarios de entrada ofertados, de 8 a 14 ou de 10 a 14. O periodo de inscrición rematou a mediados de xullo e as 40 prazas ofertadas polo Concello cubríronse case de inmediato. Con todo nos últimos días producíronse baixas co que de cara ao mes de agosto volve haber algunhas prazas dispoñibles. As familias que estean interesadas poden facer a inscrición no departamento de Igualdade. En función do horario de entrada na actividade e do número de membros dunha mesma familia que se queiran inscribir, os prezos son os seguintes:
– Horario de 8 a 14 horas: 90 euros por un membro da unidade familiar, 60 polo segundo e 30 polo terceiro.
– Horario de 10 a 14 horas: 60 euros polo primeiro membro da unidade familiar, 40 polo segundo e 30 polo terceiro.
– O programa de conciliación Aldea de Verán está cofinanciado pola Secretaría Xeral da Igualdade e o Fondo Social Europeo.











