A praia de Morouzos xa loce a Bandeira Azul concedida por ADEAC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+
Izado da bandeira

Izado da bandeira

O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, e a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, izaron esta mañá a Bandeira Azul da praia de Morouzos. Concluído o Festival Celta e recuperado o habitual aspecto coidado deste último areal e do seu piñeiral, o Concello de Ortigueira procedeu a levantar a bandeira concedida por ADEAC, que acredita a excelencia de servizos prestados e a calidade ambiental da praia.

A praia máis frecuentada do municipio volve lucir a insignia concedida pola Fundación Europea da Educación ambiental- ADEAC no marco da campaña Bandeira Azul. A distinción, que concede un xurado internacional, recoñece e acredita a óptima calidade dos servizos que ofrecen os areais orteganos da Cuncha e Morouzos aos veciños e visitantes (persoal abondo de salvamento e socorrismo, aparcadoiro público, accesos adaptados e prazas de aparcadoiro reservadas para minusválidos, información ambiental…) así como a excelente calidade das augas e a limpeza das dúas praias.

Neste sentido, tras o acto de izado da Bandeira Azul e da Bandeira Ecoplayas, que outorga Ategrus, e en presenza de persoal do servizo de limpeza e de socorristas, o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, se comprometeu a seguir apostando, na medida das posibilidades do concello, por unhas praias limpas e seguras, que dispoñan ademais de bos servizos para os usuarios, e polo desenvolvemento de accións de formación ambiental.

Morouzos, a punto tras o Festival

O rexedor destacou ademais que o intenso traballo realizado polos operarios do Servizo municipal de Limpeza dende o pasado 14 de xullo, último día do evento folk, que permitiu cumprir antes do previsto coas esixencias de calidade marcadas por ADEAC para poder izar a Bandeira Azul en Morouzos.

Conforme aos compromisos complementarios asumidos con ADEAC- FEE, durante o Festival Celta, e co ánimo de preservar ao máximo a imaxe da campaña Bandeira Azul, a insignia non ondeou no areal. Ademais leváronse a cabo, diversas iniciativas (consellos ambientais nos programas de man, carteis sobre a importancia ecolóxica e a vulnerabilidade do cordón de dunas, repartición de bolsas de lixo nos puntos de información ao visitante) para conseguir que os folkies colaborasen na conservación do enclave natural que, ao termo do certame folk, presentaba unha imaxe substancialmente mellor en anteriores edicións.

Recoñecementos

Finalmente, cabe recordar que na presente tempada estival, o Concello renovou a Bandeira Azul da praia de La Concha (Espasante), a designación do Museo Ortegalia como “Centro Azul”, en recoñecemento á calidade das súas actividades en materia de educación ambiental e difusión do patrimonio natural; a designación da ruta do “Bordo litoral de Ortigueira”, que discorre entre a zona urbana e o areal de Morouzos, como “Sendeiro Azul” e conseguía unha nova bandeira para o Porto deportivo de Ortigueira.

20 de xullo de 2013 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.