A Policía Local de Ames realizou unha campaña con 250 controis da taxa de alcoholemia, na que só se sancionou a dous condutores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial sobre o control da taxa de alcoholemia entre os condutores, que se levou a cabo entre os días 9 e 15 de xullo, coincidindo cunha época do ano na que se incrementan os desprazamentos por estrada. A Policía Local de Ames realizou tanto en Bertamiráns como no Milladoiro un total de 256 controis a condutores de turismos ao longo destas xornadas. En total, só dous condutores recibiron unha sanción administrativa por conducir baixo os efectos do alcohol.

No marco destes controis preventivos, os axentes proporcionáronlle información aos condutores sobre os efectos que ten o alcohol na condución e como a súa inxesta multiplica o risco de sufrir un accidente. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames envioulle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

O obxectivo desta campaña é mellorar a seguridade viaria, xa que se calcula que o alcohol é un factor desencadéante ou concorrente nun terzo dos accidentes mortais que se producen en España. Ademais, os estudos de sinistralidade destacan que a inxesta de bebidas con graduación alcohólica multiplica por nove a posibilidade de sufrir un accidente.

16 de xullo de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.