A Policía Local da Coruña colabora coa DGT nunha campaña de control de alcoholemia
O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, participou nunha campaña especial sobre control da taxa de alcoholemia da Dirección Xeral de Tráfico (DGT). Entre os días 9 e 15 de xullo, o 092 realizou 268 controis na cidade. Un total de 14 condutores -o 5,2%- superou os niveis de alcohol permitidos por lei.
O Concello colaborou coa DGT nesta nova campaña, dentro do compromiso do Goberno local por unha mellor coordinación co resto de administracións e para garantir unha maior seguridade en materia de mobilidade. En total, efectuáronse 268 controis durante unha semana. A Policía Local comprobou que 14 condutores infrinxiron a lexislación vixente.
A porcentaxe de positivos detectados diminuíu nos últimos anos a nivel estatal, pero é preciso realizar o máximo esforzo no control e a vixilancia. O alcohol é un factor desencadeante nun terzo dos accidentes mortais, multiplicando por 9 o risco de sufrir un sinistro de circulación. Ademais, o alcohol supón un risco para os peóns, sobre todo na zona urbana, un motivo máis que explica que o Concello da Coruña colaborase coa DGT nesta campaña especial.
O Goberno municipal subliña a importancia de colaborar coa DGT, pois a circulación na cidade é o primeiro dos escenarios onde o condutor inicia a adquisición de hábitos e costumes. A área de Mobilidade e Seguridade Ciudadana informou dos resultados obtidos durante os controis a Dirección Xeneral de Tráfico, que á súa vez remitiu ao Concello as conclusións finais desta campaña.
A Policía Local xa colaborou este ano coa Dirección Xeral de Tráfico noutras campañas, como o uso do cinto de seguridade e de sistemas de retención infantil (SRI); a vixilancia e control de camións e furgonetas; do transporte escolar; de motocicletas; e a vixilancia e control da velocidade. O Concello da Coruña colabora nestas campañas co obxectivo de reducir o número de accidentes de circulación.











