A piscina municipal de San Sadurniño rexistrou 2.500 usuarios no seu primeiro mes de apertura
Estamos tendo un mes de xullo como hai tempo que non se acorda. Sol e calor que convidan ao refresco para o que moita xente está elixindo a piscina municipal. Desde que abriu oficialmente a temporada o 17 de xuño levan pasado polo recinto de Corrás máis de 2.500 persoas das que unha quinta parte o fixo a través dos abonos familiares.
Segundo os datos de control municipais, neste tempo os usuarios e usuarias adquiriron 100 abonos dos que se benefician unha media de cinco persoas. De feito, o abono é unha opción barata para gozar da piscina e máis aínda cando veñen periodos longos de bo tempo -como é o caso- en que as familias os rendabilizan rapidamente.
Xunto co balance do bonos vendidos tamén se dispón do dato de que outros 1.200 usuarios e usuarias mercaron entradas individuais. A cifra hai que vela con perspectiva, xa que non hai datos de en que porcentaxe son únicos e cantos son recorrentes. Porén hai que ter en conta tamén que moitas persoas non usan a piscina nin collen entrada, senón que gozan da terraza da cantina ou pasan a xornada no merendeiro que ten ao seu carón.
En calquera caso, son datos que refrendan o éxito que está tendo este servizo municipal propiciado polo espléndido verán que estamos tendo. Este ano o servizo de piscina municipal xestiónao a empresa SEDEGA, quen se encarga da apertura e peche do recinto, de atender a cantina, da limpeza das instalacións, do servizo de socorrismo e dos cursos de natación que se imparten polas mañás.











