A pedalada nocturna da asociación “O Esquío no Piñeiro” contou con máis de sesenta ciclistas participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónDeportesLocal
A-
A+
Ciclistas participantes durante a carreira

Ciclistas participantes durante a carreira

Máis de sesenta ciclistas participaron esta fin de semana na terceira edición da “Pedalada nocturna” organizada pola asociación cultural, medio ambiental e deportiva “O Esquío no Piñeiro” (Brión), o que a converteu na máis concorrida ata o de agora. Dende a asociación amosan a súa satisfacción polo éxito rotundo dunha iniciativa gratuíta e única na comarca de Compostela.

Esta ruta social, non federada e non competitiva, saíu ás 22:00 horas do pasado sábado do campo de fútbol de Framán (Ames) para percorrer un circuíto de 26 quilómetros polos municipios de Ames, Brión e Teo, con parada para “avituallamento” no restaurante O Padriño (Bastavales-Brión). O bo ambiente entre os ciclistas quedou demostrado coas achegas que fixeron para o programa “Apadriña unha árbore”, que organiza “O Esquío no Piñeiro”. Ademais, parte do recadado será entregado ao Bugallido CF para colaborar na campaña de abonados 2013-2014, como agradecemento por ceder ás súas instalacións de xeito desinteresado para a celebración da pedalada.

Próximas actividades

Por outra banda, a asociación cultural, medio ambiental e deportiva “O Esquío no Piñeiro” xa traballa en próximas actividades. Así, está analizando organizar un duatlón–cross (carreira a pe xunto a carreira en bicicleta de montaña), aínda que aínda non ten data fixada. A que si xa está convocada é a segunda edición da Ruta BTT Río Tambre-Brión, que terá lugar o domingo 8 de setembro e que conta coa colaboración do Concello de Brión. Unha ruta en bicicleta de montaña que este ano presenta “novidades salientables que farán que esta proba dea un importante salto de calidade e se consolide como unha das probas de referencia do panorama BTT galego”, explican dende a asociación brionesa que pretende superar os 400 participantes da edición de 2012.

Como novidades cabe salientar a realización de dous circuítos, con dous niveis de esixencia:  unha ruta duns 40 quilómetros e cunha dificultade física media; e o Maratón, 70 quilómetros e cunha dificultade física alta. A primeira está pensada para que calquera amante da bicicleta, cun mínimo de preparación, poida rematala; mentres que a segunda terá unha esixencia física alta.

3 de xullo de 2013 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.