A parroquia mosense de Cela celebra a súa vixésimo terceira xuntanza
A partir de mañá, e ó longo de toda a fin de semana, a Asociación de Veciños Celado de Cela organiza e celebra a súa XXIII Xuntanza. Nesta edición, dende a asociación veciñal, quixeron axudar á iniciativa Mos SOLIDARIO pedíndolles colaboración ós asistentes á Xuntanza cun kilo de alimentos non perecedoiros que lle serán posteriormente entregados ó Club de Leones de Mos en beneficio das familias máis desfavorecidas do municipio mosense.
As actividades coas que contará a Xuntanza son: mañá a partir das 21.30 horas espectáculo ‘Playback de Cela’, o sábado 6 de xullo ás 19.30 horas partido de futbito de solteiros contra casados e de seguido actuacións de Teatro Atrezo e o humorista Somoza, e o domingo día 7 pola mañá concurso de tortillas, actuación do Grupo de Gaitas de Celado, sardiñada, concerto da Banda Orquestra Sinfónica da Escola de Música de Mos e xantar campestre; e pola tarde xogos tradicionais e actuacións do Grupo de Baile Tangaraño, Grupo de Baile Celado e Grupo de Pandereteiras Infantil Arco da Vella de Cela.











