A parroquia de Ardemil, en Ordes, revivirá unha malla tradicional o vindeiro mes de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOrdes
A-
A+
Asistentes á malla na edición de 2012

Asistentes á malla na edición de 2012

Un ano máis a parroquia ordense de Ardemil revivirá unha malla tradicional na que veciños, veciñas e visitantes poderán ver de primeira man como se traballaba no eido agrario desta zona antigamente. Os encargados de organizar este evento son os membros da Asociación Cultural Castro da Croa que, como é habitual, contan coa colaboración do Concello de Ordes.

A cita arrancará o venres 9 de agosto a partir das 22 horas cun encontro no que se ofrecerá touciño entrefebrado gratis e no que se poderá  botar máis dunha baila coa actuación do cantante Mario. O día grande será o sábado 10 de agosto a partir das 12 horas. Ademais da malla propiamente dita haberá outro tipo de actividades, como a feira de antigüidades, a máis grande de toda Galicia segundo os organizadores, ademais doutra de tractores novos e antigos. Tamén terá lugar unha exposición de coches antigos, motos, mobles, pías, farrapos, maquinaria relacionada coas mallas etc. Unha cita para a que aínda está aberto o prazo de inscrición no caso de que alguén desexe formar parte. Simplemente hai que chamar ao 676 221 905.

Como noutras edicións, a música será unha parte importante deste encontro. As gaitas marcarán o inicio da xornada dende ben cedo e a partir das 16 horas chegaralle a quenda ao grupo Maldados. O cartel de actuacións complétase co grupo Dúo Tajú, que estará presente ao longo de todo o día, e con espectáculos de mimo. Tamén haberá carpas nas que se servirán pratos típicos como o polbo e a carne ao caldeiro.

Por último o domingo 12 de agosto celebrarase unha concentración de tractores antigos.

29 de xullo de 2013 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.