A Ordenanza de Servizos Sociais de Cambre ampliará substancialmente a cobertura para os veciños en situación de emerxencia social
A corporación municipal consensuou a modificación da ordenanza reguladora das medidas de apoio á inserción socio – familiar para persoas que participen no programa de intervención familiar que se levará de novo a pleno o próximo xoves. A concellaría de Servizos Sociais volveuse reunir cos grupos da oposición coa intención de mellorar a ordenanza, cuxa aprobación se deixou sobre a mesa no último pleno de xuño.
Os voceiros da corporación deron o visto e prace despois de que se reflectisen todas as propostas emitidas tras a reunión mantida este mes coa edil de Servizos Sociais, María Jesús González Roel.
Agora poderán acceder ás axudas de emergia social un maior número de usuarios, tal e como reflicte a proposta consensuada por todos os grupos da corporación. Así, varias das modificacións responden ás achegas realizadas polos grupos como subir un dos indicativos para acceder a estas axudas ao 50% en determinados tramos. “Quero agradecer especialmente a sensibilidade e o traballo dos grupos de EU e PSOE polas súas achegas a esta ordenanza”, destacou.
En concreto, os cambios máis significativos, aumentará un dos requisitos fundamentais para acceder a estas axudas como é o da Renda per cápita. Na nova ordenanza formúlase ampliar esta renda, pasando de dispoñer dunha renda per cápita mensual dun 25% a un 50% nalgúns casos do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) vixente, e deducindo os gastos de aluguer ou de hipoteca da vivenda ata un máximo de 400 euros. Ademais, no caso de que haxa un único membro na unidade familiar, o límite de ingresos será o equivalente á pensión No Contributiva (364 euros ao mes), tras restar os gastos de hipoteca ou aluguer.
“Creo que os grupos da corporación que participaron na modificación desta ordenanza traballamos duro para que esta se mellore e poida axudar ás máximas familias posibles tendo en conta a situación económica actual”, apunta a edil popular, que reitera a súa satisfacción polo consenso e a sensibilidade de todos os grupos políticos de Cambre.











