A oficina municipal de turismo de Lalín recibíu 977 visitantes nos primeiros seis meses de ano
A Oficina de Turismo do Concello de Lalín que atenden, todos os días do ano (en horario de luns a xoves, de 11 a 14.30 horas e de 16 a 20 horas; e venres, sábados, domingo e festivos de 11 a 15 e de 16.30 a 20 horas), as bolseiras e diplomadas en Turismo, Ana Belén Varela Souto e Vanesa Pena Brántuas, recibiu na primeira metade do que vai de ano case un milleiro de visitas.
Así o indica o edil delegado, José Antonio Rodríguez, que concreta que “foron 977 as persoas que se achegaron á dita Oficina municipal, unha cifra alta posto que estamos a falar de seis meses, desde o 1 de xaneiro ao 30 de xuño, e que nos fai pensar que as perspectivas a final de ano superarán o dobre deste número, tendo en conta que os meses de verán rexistran unha maior afluencia de peregrinos e visitantes que estamos empezando a notar xa nestes días de comezos de xullo un continuo decorrer de peregrinos que fan o Camiño, ben pola Vía da Prata ou o Camiño de Inverno, e que pernoctan no albergue da Laxe ou no pavillón municipal”.
“A máxima afluencia rexistrada no que vai de ano foi, como é de esperar, a fin de semana da Feira do Cocido (2 e 3 de febreiro), cun total de 442 visitantes en toda a fin de semana, dos que se corresponden con 303 visitantes o día da Feira e 139 o sábado”, remarca, unhas cifras altísimas e que certifican novamente a Feira do Cocido como reclamo turístico”, explica. Outra días nos que se recibiron bastantes visitantes foronnos festivos de maio: o 1(15 visitantes) e o 17, coincidindo coa ponte das Letras Galegas (18 visitantes).
“O que máis preguntan é onde comer un cocido e cando é a próxima Feira do Cocido -que en 2013 caerá en 23 F- e tamén polos establecementos hoteleiros que se poden atopar, ademais da pregunta habitual de que se pode ver en Lalín”, sinala. “O perfil tipo do visitante é dun home de entre 35 e 60 anos (35%), aínda que son tamén as persoas de máis de 60 as que se achegan (33%), seguida do grupo de idade de 18 a 35 anos(20%) e menores de 18 (12%)”, indica. Por sexos hai máis mulleres (51,48%) que homes (48,52%).
“En canto ao motivo da visita, a asistencia a eventos e a gastronomía, xa sexa para asistir a eventos relacionados co comer como para degustar os múltiples produtos que temos: cocido, mel, queixos, embutidos, carnes, etc., segue constituíndo o principal foco de atracción do visitante (44,94%), por diante do Camiño de Santiago (11,57%) e da “natureza” (10,57%)”, subliña Rodríguez Fernández.
Por procedencia, 668 visitantes son de Galicia (68%); 218 de España (22%) e 91 do estranxeiro (9%). En canto aos galegos, o 55% son da provincia de Pontevedra; 39% da de Ourense; 9% da de Lugo e 6% da de Ourense. O reparto de visitantes por Comunidades Autónomas é o seguinte: Madrid, 75; País Vasco, 31; Castela-León, 21; Aragón, 16; Murcia, 13; Cataluña, 11; Asturias, 10; Comunidade Valenciana, 6; Illas Baleares, 5; Andalucía, 4; A Rioxa, 4; Castela-A Mancha, 1 aos que hai que sumar 24 que non contestaron.
Os 91 visitantes estranxeiros presentan a seguinte distribución: Portugal, 23; Francia, 15; Arxentina, 11; Alemaña, 9; Brasil, 8; Sudáfrica, 5; Países Baixos, 4; Suiza, 4; Austria, 3; Xapón, 2; República Checa, 2; Italia, 1; Bélxica, 1; Estados Unidos, 1; Uruguai, 1 e Venezuela, 1.
As bolseiras Belén e Ana que están á fronte da dita Oficina precisan que a maior parte dos visitantes están de paso (36,85%), o 24,77% alóxanse en hoteis e o 16,17% son residentes en Lalín. Tamén hai quen visita a Oficina e se aloxa no albergue da Laxe, en establecementos de turismo rural, balnearios, en hostais/pensións e mesmo no seu domicilio particular.
TAREFAS DAS BOLSEIRAS
A atención aos visitantes non é o único cometido que realizan as dúas diplomadas de Turismo, xa que ademais de atender á Oficina están a desenvolver diversos traballos para a promoción turística do Concello de Lalín, baixo a dirección do concelleiro delegado, José Antonio Rodríguez. Entre eles, a actualización de contidos e mellora da páxina de web da Concellería de Turismo coa incorporación de datos turísticos e fotografías; a preparación de propostas para a “Vuelta Ciclista a España” que sairá, na súa cuarta etapa, de Lalín o 27 de agosto; a incorporando de festas e eventos e a inclusión de aloxamentos e restaurantes para a páxina web de Área de Santiago (www.areadesantiago.es) e a validación de datos para a Guía Repsol, entre outros cometidos.











