A Oficina de Turismo de Cedeira atendeu a 1.095 visitantes na primeira quincena de xullo
Malia a crise económica, as cifras de turistas que elixen Cedeira como destino vacacional parece que non só non baixan senón que melloran este ano. Polo menos así consta nos rexistros da Oficina Municipal de Turismo do Concello de Cedeira. Durante a primeira quincena do mes de xullo, a responsable do servizo atendeu as demandas de información de 1.095 visitantes. Unha boa cifra se se compara coa do ano anterior, cando foron 660 persoas as que se dirixiron á Oficina, situada na Avenida de Castelao, no Palacete Municipal. Alí, interesáronse polos lugares de visita obrigada, aloxamentos, gastronomía típica, rutas de sendeirismo, actividades culturais ou festas ou recursos turísticos destacados como San Andrés de Teixido, a Garita da Herbeira, as praias ou a Serra da Capelada.
Nesta liña, o Concello espera que a tendencia se manteña e, como vén sendo habitual, mellore durante o mes de agosto.
O horario de atención ao público da Oficina Municipal de Turismo é de 10,30 a 14 e de 17,00 a 20 horas de luns a venres e de 11 a 14 horas os sábados. Os domingos, de 11,30 a 13,30 horas.
Do tirón turístico do Concello dá boa proba que as instalacións permanecen abertas durante todo o ano. Galego, castelán, inglés e francés son os idiomas de atención e as súas funcións, ademais de ofrecer toda a información que os visitantes solicitan, tamén consisten en atender calquera cuestión práctica dos turistas, para lograr un alto grao de fidelidade cara á vila.











